Hai xente moi honesta que á hora de definir o seu vestir recoñece recorrer ao que está de moda segundo as revistas, as caras coñecidas e a sabedoría popular. A maioría, sen embargo, gábase (ou mellor gabámonos) de que busca un estilo propio, único, e que sempre adapta o que está de moda aos propios gustos. Obviamente é mentira. Coñeces a alguén que puxese esas horrendas botas de pescador nos pés (botas Hunter) antes de que o fixese Kate Moss? Alguén que crese que combinar zapatos Oxford con vestidos era un acerto antes de velo nunha aparición de Alexa Chung?
Seguir a unha icona da moda e adaptar o seu vestir o antes posible, pode causar moitas gargalladas no teu grupo de amigos, pero fará que sexas respectado por aqueles que entenden “de moda”. Aquí deixámosche catro nomes clave aos que convén ter en conta se queres impresionar. Copiando o estilo adecuado, podes parecer, ti mesmo, unha icona a seguir.
Estes catro nomes clave correspóndense con catro it-girls (síntoo, rapaces, outro día será), ou o que é o mesmo, catro mozas, nalgúns casos saídas de non se sabe moi ben onde, que son, hoxe por hoxe, un referente no mundo da moda, coma estandartes dun “estilo propio” rapidamente masificado.
A orixe do término it-girl sitúase na década dos anos 20 do pasado século, co filme ‘It’ que narraba a historia dunha oficinista con moito estilo e personalidade que lograba namorar ao seu xefe. Foi variando de significado cos tempos: se ao principio referíase a esas mulleres fiesteiras, liberadas e glamourosas da época do jazz, nos anos 60 pasou a describir a mulleres icona non só da moda, senón tamén da cultura pop, como poden ser Twiggy ou Audrey Hepburn. Na actualidade, as it-girls son un fenómeno con moitísimo peso para a publicidade, por exemplo, pero tamén trátase dun fenómeno fugaz, e que poucas veces transcende as eleccións do seu vestir.
Pero vaiamos coas catro it-girls do momento!
1. Alexa Chung
Alexa Chung é unha modelo e presentadora inglesa que parece omnipresente e que sempre aparece nas listas das mellor vestidas vaia onde vaia. O certo é que en Disquecool gústanos moito. Representante dun estilo boho-chic naïf bastante atrevido -mestura o que parece inmesturable- , algunhas das súas prendas fetiche son os vestidos sixties, os colos babeiro e as chaquetas de avoa (de lá).
2. Olivia Palermo
Olivia Palermo é unha nena ben neoiorquina (din que o personaxe de Serena en Gossip Girl inspírase nela) e tamén foi modelo, aínda que agora é relacións públicas dunha firma de moda e redactora de Elle, o que lle vale de escusa para estar presente en todo tipo de saraos. Nova, guapa e cun estilo moi elegante, os seus outfits triunfan no mundo enteiro. Se somos fieis á verdade, meréceo. Aposta pola simpleza con cores suaves, looks clásicos e femininos e vestidos de festa bastante austeros. A súa prenda máis característica e o little black dress.
3. Kate Moss
A Kate Moss non fai falla presentala, pois debe ser unha das modelos máis famosas dos últimos… dez anos? O seu mérito hai que recoñecelo, nun mundo acelerado coma o da moda, ela sabe estar sempre aí coma icona do estilo grunge-tiradillo “coidadosamente desaliñado” primeiro, e un pouco máis sofisticada (rockera glam) hoxe, as súas poses de drogadicta seguen servindo de inspiración a moitas nenas que queren converterse, elas mesmas, nun referente de estilo.
4. Blake Lively
Blake Lively é Serena en Gossip Girl, e por que conseguiu converterse nunha it-girl é un enigma para min, pero hoxe por hoxe, look que viste, look que se comenta e se louva. Blake Lively sabe o que se leva, o que non, e incluso ás veces innova, pero estilo propio? O xusto -que, por se che interesa, consiste en moita cor flúor, vestidos con encaixe e transparencias, e looks de día urbanos prácticos e bastante máis acertados-. Nós case quedamos con Leighton Meester, un pouquiño máis elegante.
Fotos | Alexa Chung Blog, Steal Their Style, My Daily Fashion Dose, Midolirei.