Mildred Pierce: chegou o revival da Gran Depresión

Veda, en Mildred Pierce

‘Mad Men’ recuperou a moda dos anos 50 e dos primeiros 60 e converteu as coleccións dos deseñadores nun revival retro. Volveron con forza os bolsos que fan clic, as saias con voo e os zapatos salón. ‘Broadwalk Empire’ foi unha avanzadilla da recuperación case inmediata dos anos 20, os glamurosos tempos do charleston que acabará de recuperar a película ‘O gran Gatsby’, que chegará este ano.

‘Mildred Pierce’ abordou a vida dunha muller emprendedora nos anos da Gran Depresión, dándolle un Globo de Ouro a Kate Winslet (aínda que a súa filla, Evan Rachel Wood, tamén merecía un premio polo ben que fixo de mala aínda que non pasase da nominación) e deixándonos un espectáculo de vestiario.

A roupa de Mildred Pierce, a nai e protagonista, e Veda, a filla, está coidada ao extremo. A serie, por moito que veña da recoñecida HBO, non pasou de ser minoritaria (en España está en mans de Canal +) e a súa influencia na moda moito máis limitada que outros produtos máis exitosos.

Aínda así, a serie sobresae polo seu vestiario, a coidada perruquería de época ou unha maquillaxe perfecta que recupera as tonalidades da época. A responsable de maquillaxe fixo un estudio de artigos e imaxes da época para atopar a equivalencia exacta nas tonalidades e texturas e o acabado é bastante axeitado.

Mildred Pierce

O vestiario funciona como un elemento máis da trama. Mildred comeza sendo unha aburrida ama de casa, á que a Gran Depresión deixa sen recursos e empurra ao divorcio, para ir escalando na escala social a base de tesón. O seu vestiario recolle esa crecente independencia e vai engadindo glamour, elegancia e os toques chic que xa sen dúbida terá Veda, a filla con aires de estrela de Hollywood. O personaxe de Mildred Pierce ten un total de 66 cambios de vestiario en toda a miniserie (unha chea), unha cifra que demostra a importancia que a roupa ten á hora de configurar a historia.

En definitiva, ‘Mildred Pierce’ é unha desas series que pagan a pena ver só por a ambientación.

Fotos | Facebook oficial 

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *