Chic… tan chic… e Pitbull?

Cando a marca de moda Lanvin, a moi estilosa e chic Lanvin, publicou no seu taboleiro no Facebook o link ao seu último vídeo promocional, conseguiu que 766 persoas premeran no gústame e 46 comentarios. E só un negativo. Cando o volveron publicar o martes xa conseguiron algún que outro comentario negativo, pero os gústame continuaron a ser abrumadores e a maioría dos comentarios sinalaban que o vídeo era divertidísimo e que, aínda que moitos odiaban de entrada ao cantante que pon música ao anuncio, o efecto era estupendo.

Pero… que foi o que Lanvin fixo para conseguir semellante entusiasmo? Polo de pronto, Mashable, unha das biblias do que se coce na rede, xa o escolleu como o viral do día. Lanvin fixo algo que ninguén se atrevera a facer ata agora. Vestiu ás súas modelos, a top model Raquel Zimmermann e a modelo e cantante Karen Elson, cos traxes da colección de outono-inverno. Van hipermegaelegantes, perfectas, e están nunha sala de cores saturadas, moi de shooting para publicidade de moda. Moi clásica, moi elegante. Pero en vez de estar sentadas nas cadeiras retro… empezan a bailar ao son dunha das cancións máis populares de Pitbull.

Pitbull, todo hai que dicilo, non é nada chic e elegante. É un deses cantantes de reggaeton que cantan que “ella quiere su rumba” e que “tienes la boca grande, hala ponte a jugar”. Nada resultón. Lixeiramente desagradable. A menos que o tomes con humor e te rías dos seus look reggaetonero e ao mesmo tempo do ambiente máis ben envarado do mundo da moda elegante e hiperchic que representa a última colección de Lanvin. E iso é o que fai o vídeo e o que é o maior acerto.

As modelos non bailan completamente ben (en serio, Raquel Zimmermann, vemos que algúns movementos non se che dan alá moi ben) pero parecen estar a pasalo estupendamente. E os modelos masculinos que aparecen de forma alterna si que o dan realmente todo e si parecen estar a pasar a mellor tarde da súa semana. Ao final, o propio director creativo de Lanvin, Alber Elbaz,  fai unha moi simpática aparición estelar.

E dicídeme… Non preferides agora a publicidade divertida de Lanvin, que sen perder un ápice de elegancia está a facer tal guiño, que por exemplo a máis elitista e seca de marcas como Bulgari, que puxeron a Julianne Moore ou a Kirsten Dunst a sentarse con leóns?

O mundo da moda, polo de agora, non parece estar levándose as mans a cabeza e o que din é que riquiña e divertida, que che deixa un sorriso na boca.

Foto | Steven Meisel para Lanvin

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *