Kenzo tamén vai polo ironicamente cutre

A publicidade en moda sempre é preciosista, cunha atmosfera propia do cine e cun acabado estupendo que nos fai pensar a todos no mundo do luxo, no glamour, no marabilloso que todo é e no estupendos que seríamos se puideramos optar a eses produtos de impresión que venden. Pero non últimos tempos estamos vendo uns anuncios distintos… estraños. Primeiro Lanvin puxo aos seus modelos a bailar vestidos coa colección outono inverno ao ritmo de Pitbull (cunha aparición estelar do deseñador detrás da marca, Alber Elvaz, que fixo que fose case obrigado facerse fan del) e agora Kenzo opta directamente polo cutre cun toque de retranca.

Que é peor que un deses vídeos de xente de sorriso máis falso cunha moeda de catro pesetas, que a música que podería soar de música de espera (ou nun deses ascensores musicais que queren que toleemos!) ou que imaxes de persoas que saúdan con emoción? O vídeo publicitario do outono inverno de Kenzo é unha sorte de revival do peor das imaxes dos 90. Sabedes eses vídeos que poñen as aeroliñas cando fas un voo un pouco longo no que che contan quen son, dan as grazas por telos escollido e explican que facer en caso de emerxencia? Sempre hai persoas que sorrín mentres meten un maletín que non existe na vida real (xa me diredes que viaxa con cousas cadradas e perfectas para encaixar debaixo do asento de diante…) no lugar que lle corresponde. Os modelos de Kenzo son así: sorrín, dan apertas e dan a man coa mesma ledicia coa que porían un chaleco salvavidas en caso de emerxencia.

Todo ten ademais un acabado similar ao das cabeceiras das series dos 90, que eran unha sucesión de persoas que saudaban e sorrían a cámara cando eran sorprendidos (oh! non agardaba nada diso!) mentres facían calquera outra cousa. Tamén poderían ser uns pobres deses que saen nas fotos de recurso que hai nas bases de datos de pago de executivos facendo cousas estrañas (como este equipo de éxito, este que tivo unha reunión de merda ou este que non lle vai moi ben cunha videoconferencia). O vídeo está por outra banda cunha eterna marca de auga, Watermarked, que é o nome da campaña, o que lle da un aire aínda máis de hai uns anos.

 

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *