Parece sacada dunha película de ciencia ficción, pero calquera pode experimentala a través dun teléfono móbil, un ordenador con webcam ou incluso na vía pública. A realidade aumentada (RA) é cousa do presente e as súas posibilidades inmensas, polo que xa se está a aplicar en distintos ámbitos como a arquitectura, a educación, a medicina, a arte ou o marketing, do cal nos ocuparemos.
No mundo da publicidade, a realidade aumentada achega ao consumidor unha experiencia nova ao combinar a realidade con imaxes e obxectos virtuais que interaccionan co consumidor en tempo real e en tres dimensións. Podemos probar unhas gafas igual que se estivésemos nunha tenda física, dar vida ás tarxetas de visita cunha representación virtual da traxectoria laboral do seu titular, ou descubrir na rúa pola que transitamos etiquetas que nos indican onde atopar a nosa cervexa favorita.
Os exemplos de RA aplicados ao marketing son xa numerosos, pero entre todos eles quedámonos con estes cinco:
1. Aplicacións móbiles: IKEA Skål! Significa algo así como ‘Ikea Salud!’, en referencia aos brindes, porque esta aplicación para iphone permite precisamente iso, brindar cos nosos teléfonos. Primeiro escolle a túa copa, e despois verás como o fondo de pantalla se adecúa ao fondo real, como se o teléfono se volvese transparente e estiveses a suxeitar unicamente a túa copa de cristal. Choca o teu teléfono co do teu acompañante e sente o ‘chin, chin’. Ao mesmo tempo intercambiaranse automaticamente os nomes e fotos de perfil e ambas cámaras sacarán unha foto que poderás compartir en Facebook.
2. RA nun espazo público: AXE. Asombrados quedaron os viaxeiros que o 5 de marzo deste ano pasaron pola estación Victoria de Londres. No chan uns carteis indicaban aos pasaxeiros que dirixisen as súas olladas a unha pantalla xigante. Ao facelo, podían verse a si mesmos xunto aos anxos que protagonizan unha das campañas da marca.
3. Probadores virtuais: RAY-BAN. Se che gusta mercar roupa e complementos por internet seguramente en moitas ocasións desexaches poder probar as prendas virtualmente sen saír da túa casa. Algunhas experiencias como o ‘Virtual Mirror’ de Ray-Ban xa permiten algo así. Con poñerte diante da webcam poderás ver como te quedan as distintas gafas do seu catálogo sen sequera moverte da pantalla do teu ordenador.
4. Xeolocalización: STELLA ARTOIS. En decembro de 2009 a marca belga de cervexas Stella Artois lanzou unha aplicación móbil que a través da tecnoloxía GPS permitía ao usuario localizar establecementos que servían esta bebida.
5. Tarxetas de visita con RA. As típicas tarxetas cos datos de contacto dun profesional utilizadas nos negocios deixan de ser un anaco de papel con letras e números. Grazas á realidade aumentada, e coa axuda dun ordenador, cobran vida e permítennos lembrar o aspecto da persoa, chamala e conectar coas súas redes sociais a través de aplicacións, ou ben coñecer a súa traxectoria laboral mediante acceso ao seu portfolio.
Foto de portada | sndrv
1 comentario