Sofia Coppola, Marni e H&M: lost in the mainstream?

Creo que xa vai quedando claro, especialmente despois de que Karl Lagerfeld lanzase a súa liña KARL: os deseñadores de alta costura están descubrindo o potencial do público de masas. Os de a pé soñamos con ter produtos de luxo, de aí o éxito das marcas de prezos altos pero aceptables como capricho e dos clubs privados de compras, e somos un nicho de mercado tan apetitoso que non ten sentido desprezarnos. Para encaixar con esa potencial demanda naceron as coleccións cápsula de H&M, que axudan ademais a revitalizar e dar a coñecer segundo que marcas. Polas coleccións cápsula pasaron grandes obxectos de desexo, como Jimmy Choo, marcas que precisaban unha inxección de popularidade de masas e outras moito máis exclusivas que pasan a ser así non só patrimonio (e coñecemento) dos máis pro no mundo do fashion, como é o caso da última en chegar, a italiana Marni.

Consuelo Castiglioni coa súa obra | Foto Facebook H&M

Tras o psicodélico momento Versace (que xa sabedes que esta ocasional redactora de moda tería queimado na cacharela do mal gusto), Marni vai aportar un certo toque de distinción ás cápsulas. A colección, polo que se puido xa pre-ver, é colorista pero non histriónica, de certa elegancia.

“Todo ten o mesmo nivel de calidade, artesanía e coidado polo detalle que fixo coñecido a Marni”, explica na pre-presentación da colección a súa cabeza pensante, Consuelo Castiglioni. Polo que levamos visto, polo menos é algo que se pode poñer calquera para saír á rúa e sentirse estilosamente vestido.

O acabado é máis coidado, menos choni vida a máis, que era o que ao final transmitía a colección cápsula de Donatella Versace para o inverno. Por se o look and feel non acababa de convencer desta idea, H&M encargou a unha estilosa e preciosista directora o vídeo de presentación da colección. Pódese odiala ou amala, pero non se pode negar que é elegante e fashion: tras o inquietante vídeo promocional de Versace, o de Marni quedou en mans de Sofia Coppola.

Coppola ten xa unha traxectoria en anuncios relacionados con mundo das tendencias. Ela asina, por exemplo, as dúas últimas campañas do perfume Miss Dior Chérie (a primeira, a mellor sen dubidalo). O spot de Marni para H&M é puro Sofia Coppola, que se recrea na atmosfera, na luz e no ambiente preciosista. O anuncio está rodado en Marrakech e recolle a uns mozos ociosos que levan, no seu dolce far niente, a roupa de Marni.

Marni para H&M sairá á venta o próximo 8 de marzo en tendas selectas dos suecos.

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *