Outlets online, o novo boom para fashionistas aforradores

Uns zapatos de Camper por 50 euros? Un vestido de Divina Providencia por 52? Unha camisa de Celio por 10 euros? Ou unhas sandalias de Vienty por menos de 40 euros?

As marcas nunca che dirán abertamente que venden alí. E os club es de venta privados nunca dirán con nota de prensa e anuncios nas marquesinas que estas marcas se venden neles a prezos de saldo. Pero todos os casos son reais. E todos os prezos outro tanto. O derradeiro paraíso para os fashionistas son os clubs  de venta privados.

Fóra da rede chámanse outlets e son un lugar moitas veces sinistro, con roupas de temporadas moi moi pasadas, con todo o material moi revolto e con tanta afluencia de público que podes acabar por sufrir de asfixia. Dentro da rede chámanse clubs de venta privados, son espazos do máis glamuroso e non hai que pelexar con ninguén tirando cada quen dun extremo do xersei. Só hai que levantarse ás sete da mañán, cando abren a venta, para ser dos primeiros en darlle ao clic de ‘engadir ao carriño’.

A experiencia tampouco ten nada que ver con comprar a desconto. En Vente-Privée, por exemplo, as ventas van acompañadas dun tráiler que realizou un completo equipo creativo e que mostran o espírito do que vas comprar. En BuyVip fanche ofertas flash dende Facebook e podes chatear con atención ao cliente. Nada que ver con percorrer un centro deportivo da periferia no que prometeron grandes rebaixas e no que non atopas nada que che convenza realmente.

Entre os usuarios están de moda. Entre as empresas tamén: os derradeiros movementos así o demostran. El Corte Inglés entrou con Primeriti, Amazon mercou BuyVip (unha das apostas españolas para o mercado) e de Privalia algúns din que con tanto crecemento vai acabar na bolsa. Iso só demostra que cada vez máis xente entra no xogo e se deixa tentar por estas tendas na rede. Nós probámolos (por unha obrigación completamente científica, por suposto…) e estas son as nosas recomendacións e suxestións.

De primeira man dicimos…

Private Outlet. É unha das marcas máis pequenas e iso nótase nos contidos do seu showroom. Non ten marcas impactantes, aínda que o bo diso é que o que soe vender está nun prezo medio que permite testear o servizo. A entrega a domicilio non é moi rápida, sobre todo porque unha vez que cruza a fronteira (chega dende Europa a compra) queda en mans de Correos. E iso fai a entrega lenta, moi lenta… Que che manden un mail alertando de que xa tramitaron o teu paquete cunha empresa de mensaxería e que en catro días ten que estar na túa casa, non axuda. Cando chamas ao teléfono da paquetería que eles te procuran para reclamar o paquete que non chegou, derivante con algo de sorna a Correos e Telégrafos.

Privalia. Son unha das aventuras españolas do mercado dos outlets online. O malo que xa lle vimos e que o pedido prevé tardar case un mes en chegar ás túas mans. Aínda está en curso e non sabemos como chegará pero a primeira impresión de compra é moi boa. Danche media hora para pensalo (o que está moi ben se non estás moi convencida, como era o caso) e se logo encontras algo que che entusiasma nesa mesma venda déixanche abrir outra vez o pedido para amplialo. O primeiro mail que che mandan é bastante entusiasmante. Danche os parabéns pola túa primeira adquisición e confirman que fixeches todo estupendamente ben.

BuyVip. Acábaa de mercar Amazon (si, xa sabemos que hai quen di que así é como Amazon vai entrar en España…) e é unha das grandes. Ten campañas estupendas con marcas españolas pijas e caras, como Divina Providencia ou Dolores Promesas. Ademais, ten tendas permanentes dalgunhas marcas, que son un pouco (tampouco moito) máis baratas que na rúa, como Pretty Ballerinas. Danche 45 minutos para meditar no que queres mercar antes de anular ou confirmar a compra (son os que máis). A queixa… Tardan un mundo en entregarche o que compraches! Aínda que eles si o fan con mensaxería (nada de deixalo ao final co carteiro), que te chama se non estás para ver cando cho deixan na casa nunha caixiña corporativa. E hai moitas vendas activas ao mesmo tempo.

Vente-Privée. Chegan dende Francia: España é o seu segundo mercado por importancia. Teñen unha marca moi, pero que moi coidada. Aí está Paloma de la Vega, que che manda todos os emails da empresa (o recibo, a campaña que empezou…). Aí está o deseño de cada venta, do máis elegante e bonito (fanlles tráilers promocionais con música propia!). Venden marcas moi boas e son bastante eficientes. Polo de agora, son os que presentaron o menor tempo de entrega. O malo é que é moi popular… e podes ver que algún produto se esfuma antes de decidirte a comprar. Acaban de lanzar unha opción de compra de cupóns bastante interesante, Rosedeal, e teñen unha zona de compras, o VPLounge, de marcas de moi, moi, moi alta gama.

… e en lista para probar

Showroomprivé. Son moi similares a Vente-Privée (aínda que chegaron despois…) non só no nome. Tamén lle fan tráilers ás ventas e tamén son franceses e co apelido privée. As marcas que hai nesta primeira proba non son moi espectaculares, así que non nos decidimos por nada.

Primeriti. Detrás teñen a El Corte Inglés, o que xa confesaron nalgunha entrevista nos medios que lles vai axudar en loxística. Acaban de empezar. Non ofrecen moitas marcas dun golpe, aínda que as que venden si son de alta gama. Se aínda non mercamos foi porque ningunha das marcas que sairon ata agora (e levan un mes no mercado, polo que non houbo moitas ocasións) acabaron de convencernos. Son bastante activos en Twitter.

Fotos dying_grotesque| Robert Linder | Disquecool

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *