Como é o estilo das europeas?

patron vestidoUnha parte moi importante do folclore europeo contemporáneo – se podemos chamalo así – apunta á diferencia de estilismos e estilo das europeas á hora de vestir. As parisinas, como xa saberedes todos a estas alturas, son as máis elegantes de Europa, coa súa aposta polo negro, os seus looks perfectos e o seu savoir faire natural sobre a moda. Pero, canto de certo hai niso? Non vestimos en realidade todas as europeas igual?

Un estudio do Survey Lab de Vente-Privée (é a división de estudos de mercado da firma de ventas privadas Vente-Privée)  acaba de demostrar que é verdade e que as europeas nos vestimos, no fondo, de xeito diferente.

Hai varias cousas en común: a todas nos gusta que os vestidos suban por riba do xeonllo e de xeito xeralizado acéptanse os encaixes e os volantes, o negro é a cor básica en todos os armarios europeos e todas temos algo negro do que botar man no noso gardarroupa e os pantalóns vaqueiros xa chegan a todas as idades. Igualmente, todas as europeas fan adquisicións polo que está de moda, mercando cousas simplemente porque son tendencia no momento.

Sen embargo, a moda non deixa de ser cultura e de estar influída polos valores culturais do país de cada quen e, por iso, o Survey Lab puido diferenciar dous tipos de pauta de comportamento nos catro países nos que profundou sobre como é o estilo das súas habitantes. Alemaña e Francia son máis clásicos, apostando por prendas que axuden a conseguir un estilo máis sobrio. Italia e España, cumprindo con todos os clixés sobre cultura latina, buscan unha moda máis cálida e luminosa con estampados que chaman a atención e prendas máis atrevidas.

Así, por exemplo, España ten unha cultura da fast fashion (consumir roupa de xeito rápido e cunha vida curta, que por algo é o mercado no que naceron Inditex ou Mango). As españolas son fans da cor e do mix&match (mesturar prendas e estampados cun resultado final óptimo: xa sabedes coller cadros, coller flores e que ao final non semelles un entroido), da roupa axustada e dos escotes e do easy wear cálido. Gustas as prendas sinxelas e accesibles, que sexan fáciles de combinar con outras cousas para conseguir que parezan novas ou diferentes cando lles apeteza,  e o de mesturar estilos e épocas. Italia, que é o país que en consumo de moda máis se asemella, aposta tamén por estampados e “aires da Riviera”. As italianas dan moita importancia aos accesorios, que deben ser de calidade e que destacan sobre o conxunto do look.  Igualmente buscan os toques sexy no estilismo.

Pola súa banda, o mercado alemán ten menos tradición no mundo da moda e mantéñense pautas do clásico pret-a-porter, que neste caso mestúrase con elementos creativos (porque Alemaña non  ten moita tradición fashionista, pero si en expresión artística). As alemás apostan polo natural, o ecolóxico e o san e para elas un aspecto feminino é un look casual e sport, con roupa sinxela. Aínda que as francesas son quen máis se lle parecen, porque ambas apostan polo clásico, o seu vestiario non ten nada que ver con toda esa aposta sinxela e natural que se pode ver en Alemaña. En Francia, a pegada da súa industria da moda é moi poderosa e os grandes creadores están moi presentes nos códigos de vestiario. As francesas apostan por unha “feminidade que se basea nos códigos básicos de sedución” e mesturan elementos sobrios e elegantes, básicos con toques máis detallistas e prendas femininas con outras masculinas.

Foto | Laineys Repertoire

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *