Advanced Style, o Sartorialist da terceira idade

Cando Ari Seth Cohen empuña a súa cámara e percorre as rúas de Nova York non busca adolescentes con poses estudadas nin mulleres que queren ser como Carrie Bradshaw. No seu lugar, o fotógrafo vai na procura de cabelos grises, de engurras que contan historias, de mulleres que pese ao paso dos anos conservan a elegancia ou mesmo a atopan ao aceptárense a si mesmas. Porque con 80 ou 90 anos as velliñas que posan con orgullo no blog Advanced Style xa están de volta de todo. Son libres, divertidas, elegantes, atrevidas, e son tendencia.

Advanced Style leva funcionando desde 2008 e é algo así como o Sartorialist da terceira idade. Mulleres (e algún home) que superan os 70 anos pasean a súa elegancia e estilo particular polas avenidas da Gran Mazá. Algunhas completamente descoñecidas, outras iconas da moda como a deseñadora téxtil Iris Apfel, coas súas tremendas gafas de pasta e as súas cores atrevidas.

Ari Seth, que é en realidade un mozo que ronda a trintena, sempre estivo fascinado polas mulleres maduras, que considera teñen moito que compartir e ensinar nunha cultura excesivamente obsesionada coa xuventude. Á súa idade, estas señoras xa non teñen que demostrar nada, polo que visten para elas mesmas e son máis libres que nunca.

O blog, que ten entre os seus seguidores a Marc Jacobs e a Dita von Teese, xa deu lugar a un libro que recompila as mellores fotografías, así como a un documental no que o fotógrafo está a traballar xunto a Lina Plioplyte, e cuxo investimento conseguiu a través de crowdfunding.

Fotos | Advanced Style

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *