Galicia Caníbal: indignados a ritmo dos 80

Galicia Canibal

Dá un pouco de medo decatarse da evidencia que fai que todo funcione: todas esas cancións da Movida viguesa, todas esas letras que temos cantado sen fixarnos no que dicían, encaixan perfectamente cos tempos actuais. Terán sido escritas nos 80, pero en moitos casos poderían ser un reflexo do que estamos a vivir agora. Por iso situar ‘Galicia Caníbal’ na época dos indignados ten sentido, quizais moito máis sentido que se tivesen intentado recrear uns nostálxicos anos 80 nos que moitos dos que estabamos entre o público andabamos máis preocupados por nacer, aprender a camiñar e a falar, que por saír ao underground da noite.

‘Galicia Caníbal’ é un musical que xoga coa carta gañadora desde o principio do seu repertorio de cancións. Como non gañar a un público galego empezando con Ferrol de Los Limones e cun final apoteósico de Miña terra galega (Siniestro Total) e Galicia Caníbal (Os Resentidos)? Todo pasando por No me beses en los labios (Aerolíneas Federales), La Fiesta de los Maniquíes (Golpes Bajos) ou Bailaré sobre tu tumba (Siniestro Total). Ese éxito está asegurado se se fai ben, e así foi: banda de rock en directo (que gusto esas guitarras nun teatro!), coreografías fantásticas e intérpretes que, fixérano mellor ou peor, estaban a dalo todo. Se se lles ía a voz non importaba demasiado. O punk saía máis das tripas que do diafragma.

Galicia CanibalOs problemas básicos foron dous: a duración do espectáculo e o guión. Cando de súpeto chegou o descanso e miramos os reloxos eran as 23:30 (e empezara ás 22) preguntámonos a que hora sairíamos do teatro (resposta: á 1:15). Porque se cadra había pezas que non eran imprescindibles. Retirar algunha canción semella difícil (seguro que a selección xa deixou a moitas fóra), retirar ou acurtar algún diálogo si que podería ter axudado máis. E é que se xa en calquera musical moitas veces parece que o que non é música sobra, nun como ‘Galicia Caníbal’, no que o que máis se desfruta son as cancións, de cando en vez daban ganas de darlle a un FF imaxinario (fast-forward, estamos nos 80, non follow friday) e chegar ao seguinte tema, ao seguinte baile.

Ese querer saltarse a historia é moito máis intenso na primeira parte, na que, sobre todo ao principio, para introducir ben que está a pasar (Pistol Marga, estrela da movida viguesa, morre e decide tomar o corpo da súa depresiva sobriña Ana as horas antes do seu enterro para dar o seu último concerto), o espectáculo faise ás veces un pouco tedioso. A segunda parte colle ritmo e incluso as partes dialogadas parecen moito máis entretidas e ata relevantes.

Mencións especiais? Moitas: Sergio Zerraeta, sen dúbida o mellor en canto a voz e movementos; algúns momentos cómicos, en xeral protagonizados pola parte veterana do elenco (Teté Delgado, Víctor Mosqueira, María Costas, Iván Marcos…), que representan o salto xeracional da xente que viviu a Movida e o que pasa cando queren revivila; os detalles de actualidade (Facebook, indignados, etc) que fan que lembremos en que ano está a desenvolverse a historia; o vestiario e a escenografía e o corpo de bailaríns; e sobre todo ese final do concerto na Panificadora (en serio, iso hai que facelo, eu sempre quixen okupar a Panificadora e o Fraga) a ritmo de Miña terra galega e Galicia Caníbal.

É recomendable? Claro que si: ao fin e ao cabo irás a ver ‘Galicia Caníbal’ polas cancións, como todos, e niso non defraudan. O éxito do musical en Galicia está máis que asegurado, queda ver como funcionará algo tan rexional (e ás veces ata local) en Madrid. Claro que alí hai tamén moito emigrado galego ao que lle saltarán as bágoas cando empece a soar Miña terra galega.

* Galicia Caníbal estará ata o 15 de xullo en Vigo (Centro Cultural Novacaixagalicia), do 18 ao 21 de xullo en Compostela (Auditorio de Galicia), do 2 ao 5 de agosto en Vilagarcía de Arousa (Auditorio Municipal) , do 9 ao 12 de agosto en A Coruña (Teatro Colón), e do 23 de agosto ao 28 de outubro en Madrid (Teatro Nuevo Alcalá). O 30 de novembro será a estrea en Monforte, o 6 de decembro en Pontevedra e o 14 de decembro en Ourense. Máis información na súa web

Foto | Galicia Caníbal (nun dos ensaios)

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *