Clásicos para o verán

En verán imos á praia, viaxamos, ceamos fóra, tomamos xeados e non botamos moito de menos ir ao cine. Ata que chega un día de frío, ou de choiva (varios, probablemente) e decidimos inspeccionar a carteleira. Se a vemos a principios de xullo probablemente teñamos aínda algúns filmes fantásticos que ver (‘Intocable’, ‘Moonrise Kingdom’), pero se a vemos en agosto atoparemos terreo ermo. Si, é mellor asumilo, salvo eses magníficos cines de praia (véxase o Imperial de Ramallosa) a onde as películas chegan un par de meses tarde, ir ao cine convértese nunha complicada misión.

Pero… por que empeñarnos en pagar por ser os espectadores dunha mala película cando aínda hai tantos clásicos por ver (ou re-ver)?

Aquí vos deixamos unha lista de 10 filmes que paga a pena ver en verán. E que, ademais, versan sobre o verán.

1. ‘Dous na estrada’ – Stanley Donen (1967)

Un matrimonio (formado por Audrey Hepburn e Albert Finney) viaxa por Francia en diferentes estadios da relación ( o filme é unha sucesión de flashbacks). Así coñecemos os felices inicios e o fastío do presente, pero sen caer en auto-compadecementos nin lánguidas melancolías.

2. ‘Vacacións en Roma’ – Willyam Willer (1953)

Comedia lixeira, romántica, pero chea de encanto, sobre unha princesa (interpretada de novo por Audrey Hepburn) que decide escapar por unha noite e vivir coma a xente corrente. No medio atopa o amor  en brazos dun xornalista interpretado por un sorprendentemente atractivo Gregory Peck.

3. ‘Ti a Boston e eu a California’ -David Swift (1961)

Imaxino que non haberá ninguén sobre a face da terra que non teña visto este filme, pero por si acaso. Unha comedia familiar na que dúas xemelgas, separadas tras o divorcio dos pais, atópanse nun campamento e deciden intercambiarse para coñecer ao proxenitor que xa non recordan. Probablemente, con ‘Grease’, a película máis repetida da miña infancia.

4. ‘Conto de verán’ -Eric Rohmer (1996)

Praia, camiñadas polo campo, paseos en veleiro, conversacións transcendentes ao anoitecer… espírito 100% estival que inclúe os amores de verán entre o guapísimo Gaspard e varias mozas. Coma sempre nas películas de Rohmer (especialmente nos contos das estacións) todo parece superficial e adolescente, pero ai, quizais a vida consista niso.

5. ‘O graduado’ – Mike Nichols (1967)

Mítico triángulo amoroso entre un desorientado e acabado de graduar (Dustin Hoffman), unha muller casada e madura (Mrs Robinson) e (de esguello) a filla desta. E iso é só o pretexto para reflexionar sobre a vacuidade da sociedade, as relacións familiares e a incomunicación.

6. ‘O esquío vermello’ – Julio Medem (1991)

Narración surrealista e hipnótica, de amor e mentiras, na que un home a piques de suicidarse ve o accidente de moto dunha moza. Esa moza sufre amnesia, pero el faille crer que son noivos, van xuntos de cámping e continúan a súa suposta historia de amor. Non é un clásico, pero apetecíame  incluíla.

7. ‘A pleno sol’ – René Clement (1960)

Magnífico thriller no que Alain Delon da vida a Ripley, un ambicioso estadounidense que é “contratado” para ir buscar ao fillo dun millonario a Europa.  Pero o plan de Ripley acaba sendo bastante máis maquiavélico.

8. ‘A gata sobre o tellado de zinc’ – Richard Brooks (1958)

Unha familia reúnese ao redor dun patriarca xa moribundo, o que levanta todo tipo de tensións entre o fillo menor -e alcohólico-, a súa desesperada muller, e o ambicioso primoxénito coa súa esposa. A descomposición dunha familia percorrida pola avaricia e a hipocrisía.

9. ‘A aventura’ – Michelangelo Antonioni (1960)

Viaxe en iate de varios amigos polo Mediterráneo que se trunca cando unha deles desaparece nunha illa. No medio da súa busca o seu noivo e a súa amiga namóranse e comezan unha relación. Aínda que o argumento quizais non sexa o máis importante nun filme de Antonioni, senón a construción, fría e abtracta, de toda unha teoría sobre as relacións humanas.

10. ‘Vicky Cristina Barcelona’ – Woody Allen (2008)

A poucos lles gustou este filme de Woody Allen, pero máis alá dos primeiros minutos de spot publicitario de Barcelona, máis alá do pouco crible que resultan por veces os seus personaxes, e máis alá de que indubidablemente non é un clásico, atopamos un fantástico romance de verán, melancólico e un pouquiño patético, coa peculiar ironía de Woody Allen.

Shares

    2 comentarios

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *