Esquece por un momento os teus problemas de adulto (é venres!) e regresa uns anos atrás. Década dos 90: vaqueiros desgastados, ombreiras, leggins estampados, chándal. A moda non era o mellor, pero as mañás de verán e as tardes de bocadillo eran unha deliciosa sucesión de series con rapaces e rapazas que namoraban, participaban en bailes no instituto e tiñan uns pais que non os comprendían. Hoxe recuperamos esas imaxes na nosa selección de vídeos para a fin de semana. Cabeceiras de series adolescentes dos 90!
1. Saved by the bell – Salvados pola campá.
Zack, Screech, Lisa, Slater, Kelly Kapowski… Escoitar estes nomes é pensar en ilustracións de estilo ClipArt xirando sobre texturas moi charramangueiras. Poucas cousas poden definir mellor o horrible da estética de finais dos 80 – principios dos 90, coa excepción dos xerseis de Bill Cosby. Realmente nacemos nunha época moi mala. A única moda que non debería volver nunca é a da nosa infancia e adolescencia. Pero non vos confundades, pese ás críticas fun moi fan de ‘Salvados pola campá’.
2. Heartbreak High – Os rompecorazóns
‘Os rompecorazóns’ desmarcouse da ñoñada doutras series adolescentes dos 90. Ambientada nun instituto situado nunha zona multirracial de Sydney, definíase como máis realista que as súas contemporáneas. Desde logo era máis crúa, abordando temas como o suicidio xuvenil ou o sexo precoz. A adolescente que eu fun atopaba sen embargo bastante pouco realista que uns estudantes de instituto puidesen vivir xuntos nun piso con outros compañeiros. Unha serie indispensable para as mañás de verán.
3. Dawson’s Creek – Dawson crece
A ‘Dawson crece’ sobráballe unha cousa: Dawson! Tanto tormento era insoportable. Pese a isto, é sen dúbida un imprescindible das series adolescentes.
Coa intención de emular a exitosa fórmula de series como ‘90210 Sensación de vivir’ ou ‘Salvados pola campá’ pero cun enfoque español, Telecinco lanzou en 1997 ‘Al salir de clase’. Durou unha eternidade (1.199 capítulos) e dela saíron actores e actrices agora coñecidos como Pilar López de Ayala ou Elsa Pataky.