As xemelgas de Sweet Valley en 2011: entrevista

As Xemelgas de Sweet Valley
Estimado lector: para ler esta entrevista necesitas facer un exercicio de liberación mental. Esquece que estamos en 2011 e que non se pode viaxar no tempo, e esquece que Elizabeth e Jessica Wakefield, as xemelgas de Sweet Valley, eran de ficción. Agora son reais e dan concertos, teñen un blog no que dan consellos de moda, beleza e estilo de vida en xeral, e gardan un parecido moi moi grande con Elizabeth Sankey de Summer Camp e Emmy The Great. Pero non son elas, non. E estamos en 1996, aínda que teñan entrevistado a grupos como We Are Scientists ou Lightspeed Champion. Esta é a entrevista que nós lles fixemos a elas. Benvidos ao surrealismo.

– Como é ter Facebook en 1996? Tedes moitos amigos?

Elizabeth: Eu persoalmente prefiro pasar o tempo con xente da vida real antes que cos que viven na rede. Esa xente dixital dáme pena e estou empezando unha campaña para liberalos do Internet. A miña mellor amiga Enid e máis eu estamos investigando as novas tecnoloxías para ver se podemos convertelos en xente real.

Jessica: Son a persoa máis popular coa que nunca vas falar, así que si, teño moitos amigos, pero non len libros porque iso é de bobos. Seguinte pregunta, por favor.

– Tras a confesión feita por Jessica ao final da canción I’ve never had sex, volveredes cantala? Terá que ser modificada?

E: Para serche sincera aínda non teño moi claro que é en realidade o sexo. É o mesmo que darlle a alguén a túa flor especial de amor? Nese caso non quero facer iso nunca por que é ABSOLUTAMENTE NOXENTO.

J: Tiven moitas respostas aos meus anuncios despois de lanzar esa canción, así que volverei a cantala. Tamén estou en negociacións cun produtor bastante serio de Swindon, que supoño que é unha parte secreta de Hollywood da que só a xente VIP sabe, que quere que lle envíe fotos e vídeos de min. Supoño que despois diso vai axudarme a gravar o meu primeiro hit e usalo como plataforma para lanzar a miña sitcom – ‘Consellos de Moda con Jessica’. Espera, é sitcom a palabra axeitada? Refírome a xente que vén e se senta en sofás como Ricki Lake. Iso é sitcom, non? Pero quero que os meus invitados estean de pé, entón supoño que é standup

– Agora que facedes música, estades a planear moitos concertos e a escribir moitas máis cancións? Lanzaredes un álbum?

E: Que é un concerto? É o mesmo que unha xiga? Por álbum refíreste a un álbum de fotos de nós bailando nunha xiga? Si, sen dúbida, soa xenial! [Xogo de palabras intraducible entre ‘gig’ – concerto e ‘jig’ – xiga]

J: Meu Deus, Elizabeth, es tan inxenua. No mundo do entretemento, un concerto é cando chegas aos Oscars e vas pola alfombra vermella cun cabalo e carroza. Si, ‘concertearemos’ moito o ano que vén. Posiblemente esteamos demasiado ocupadas para cantar, pero como son unha cantante excepcional supoño que o farei algo. Podería haber un álbum. Agora mesmo estou en negociacións co produtor de Swindon para botar a Elizabeth do grupo, pero di que de verdade quere facer algún traballo coas dúas ao mesmo tempo.

– Quen son os vosos ídolos musicais?

E: Son moi lista, así que me gusta a música de Shakespeare.

J: Penso que o que deberías preguntar é “de quen es un ídolo musical?”. Ou algo así. Um. Simplemente son moi boa. Próxima pregunta por favor.

Elizabeth Sankley e Emmy The Great como Elizabeth e Jessica Wakefield

Elizabeth Sankley e Emmy The Great como Elizabeth e Jessica Wakefield. Foto | Diamond Geyser

– Por que xa non sodes rubias?

E: Sinto pena por ti, estás claramente enganada. Deséxoche sorte na vida.

J: Refíreste a cando me tinguín de negro no meu folleto ‘Sweet Valley High #32: a Nova Jessica’? Volvino a tinguir. Quen fai a túa investigación… alguén estúpido? Ha. Choca eses cinco polo meu chiste.

-Se tivésedes que escoller entre música e xornalismo, cal escolleriades?

E: Co meu valente xornalismo de investigación en The Oracle penso que xa conquistei o mundo do xornalismo. (Viches cando saquei á luz a vida das animadoras? Como algunhas delas son malas? Titulado: ‘Non son alegres e son malas líderes’ [Xogo de palabras coas palabras cheerleader – animadora; cheery – alegre, e leader – líder]

J: Non acabamos de chocar eses cinco por min? Dóeme a man. Podes facer esta por min, Liz? Por favor? Quero ir de compras.

– Pensastes algunha vez en entrevistarvos a vós mesmas se vos convertedes en cantantes famosas?

E: Somos tan misteriosas que non creo que nunca fagamos entrevistas. Oh, menos esta. Ups.

J: Esa é unha gran idea! Elizabeth, deberías facerme máis entrevistas para o Oracle. E deberías borrar as que non son sobre min, conseguiches que as fixese dicíndome que serían sobre min, e estou moi molesta porque falan outras persoas.

– Por que toda a xente á que entrevistades cren que están en 2011? (Quero dicir, eu sei que veño do futuro, pero eles non parecen ser conscientes…)

E: De verdade que estou empezando a preocuparme pola túa saúde mental.

J: Que é 2011, un número de teléfono? Por que tes un número de teléfono tan curto? É o teu teléfono tamén pequeno? Non me deixan utilizar o teléfono despois das 10pm, pero cando mamá e papá están durmindo baixo e pido unha pizza para a casa de Lila, para que a cheire e engorde.

– Como pensades que será o mundo en 2011?

E: De feito, escribín un artigo para estudos sociais o mes pasado! Saquei matrícula. Creo que o mundo non será moi diferente a como é agora, coa diferencia de que todos falaremos francés, viviremos en cavernas baixo terra e nos chamaremos Clint.

J: Que é o francés? Teremos 27 anos en 2011, o que é practicamente estar morta. Non podo imaxinar como será a vida cando sexamos tan vellas, todo terá rematado.

– Algunha vez oístes falar dun grupo chamado Summer Camp? E Emmy The Great?

E: Non, pero fun a moitos campamentos de verán. A primeira vez que fun namoreime dun monitor, a segunda vez que fun unha rapaza tola intentou matarme porque cría que era Jess, e a terceira vez o campamento estaba encantado. Ese grupo escribe cancións sobre estas experiencias estándar de campamentos?

J: Soan a chapóns, son chapóns? Nunca oín falar deles. Saíron algunha vez na revista ‘Seventeen’? Agora mesmo gústame moito Dogstar, pero aínda non escoitei nada da súa música.

– Que buscades nun chico?

E: Alguén con sorriso cálido e dentes perfectos, o pelo cortado ao estilo cortinas, e que sexa quen de manter as mans quietas! A intelixencia e o sentido do humor son tamén bos, pero non esenciais. Xa deixei de buscar a un rapaz que sexa tan listo coma min…

J: A min gústanme sobre todo os chicos cos que Elizabeth está a saír, pero bicaría case a calquera que sexa famoso.

– Dicídeme un grupo que estea a empezar agora e pensedes que vai ser moi famoso no 2011.

E: Estás obsesionada con ese ano! Gústame moitísimo Chesney Hawkes e non podo imaxinar que non vaia a ser famoso! É o meu gran amor.

J: Acabo de intentar chamar ao 2011. Non existe. É esta unha entrevista real? Espera, Elizabeth, non hai ninguén aquí facendo as preguntas. Que está pasando? Estou intentando dobrar o papel no que estou a escribir isto e é moi difícil. Onde está o meu lapis? Elizabeth? Elizabeth? Estás aí?

– É Sweet Valley de verdade doce?

E: Onde vivimos é moi doce, pero tamén hai lugares que son algo máis duros. Sempre intento axudar a esas zonas deixando folletos polas casas, explicando que o importante na vida non son os cartos. É usar unha 36, ser loura e ter unha xemelga. E algunhas das respostas que consigo son moi entusiastas!

J: Teño medo. Estás dentro do ordenador? Esa é unha pregunta moi estúpida. Claro que Sweet Valley é doce. É tan doce que todos os adolescentes morren en choques de jeeps e resultan ser dobres malvados. A onde envío esta carta cando acabe de escribir?

– Que pensades de que todo o mundo estea a ler os vosos diarios?

E: DE QUE FALAS? COMO CONSEGUICHES O MEU DIARIO? TES CÁMARAS NO MEU CARTO? MARGO A XEMELGA MALVADA, ES TI? Oh, non.

J: CORRE, ELIZABETH, É MARGO. PENSABA QUE ESTABA MORTA PERO VOLVEU E QUERE MATARNOS! AXUDA! QUE ALGUÉN CHAME AO 2011!

* Se queres saber máis sobre este (demente) proxecto, visita The Oracle with Jessica and Elizabeth. Tamén podes visitar a web de Emmy The Great e Summer Camp para saber algo máis sobre as persoas detrás desta estraña idea.

Shares

4 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *