Sinsal San Simón: música na illa

Cartel Sinsal San Simón 2011Pecha os ollos e imaxina que colles un barco. Estamos no principio do verán, nun deses días de sol e brisa mariña no que hai luz ata máis alá das dez da noite. No barco chegas a unha illa. Sabes moitas cousas desa illa, respiras historia en cada recuncho. Pero hoxe esa illa está tomada pola música e a arte en xeral. Hai concertos, proxeccións, performances… A illa é San Simón e a túa imaxinación pode deixar de traballar: este sábado 25 de xuño, todo será realidade cando o festival Sinsal se traslade á illa.

A introdución podería parecer un pouco idílica de máis, pero se o tempo acompaña (e todo parece indicar que así vai a ser), non cremos que o que en realidade aconteza vaia ser moi distinto. Desde as 13 horas ata as 22:30, o Sinsal San Simón encherá a illa de música e arte, con propostas que van desde o pop máis clásico ata o máis novo e arriscado.

Que destacamos? Ademais dos nomes máis coñecidos, como o de Jane Joyd (a coruñesa Elba Fernández), que vén de gañar o Proyecto Demo de Radio 3, ou a presencia de Laetitia Velma (protexida de Dominique A), hai outros moitos artistas que non debes perderte: Marzipan Man (o mallorquino Jordi Herrera que, segundo di a web de Primeros Pasitos, tivo un encontro un día de choiva no bosque de Salisbury co home de mazapán, e el agora limítase a facer cancións coas historias que o homiño lle contou), Wooden Wand (folk psicodélico da man do cantautor James Toth, que vén a Galicia por primeira vez), Buke and Gass (tocan, atención, uns instrumentos que son un ukelele barítono modificado e un híbrido entre guitarra e baixo), as representantes do underground bonaerense The Kellies

Se non tes suficiente coa música (moi ben organizada en tres escenarios nos que nunca nada coincide con nada, polo que non hai que tomar decisións desas terribles), haberá outro espazo no que terán lugar as performances: unha intervención sonora sobre Turandot da man de Antía Otero e Carlos Neira, a mestura entre danza e teatro de ‘Mostrar-se débil’ (de Dloira), e a colaboración ‘Fume’, entre a bailarina Ángela Blanco e o videoartista Miguel Mariño.

Ademais, poderás ver traballos dos alumnos de Belas Artes de Pontevedra, e unha proxección estrela: a do documental sobre o grupo Efterklang ‘An Island’, dirixida por Vincent Moon (un dos responsables dos Concerts à Emporter de ‘La Blogothèque’).

Se aínda non tiñas plan para este sábado, xa sabes. E non o deixes todo para o último momento, coa entrada terás que escoller en que barco e a que hora queres ir á illa… non te quedes sen pasaxe!

*Máis información na web de Sinsal

Foto de portada | Farrangallo

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *