Hello Giggles: un recuncho feminino na rede

Hello Giggles

Alerta: contidos altamente superficiais.

Este é un post só para rapazas, avisamos, ao igual que o blog do que imos falar. Por suposto, os rapaces tamén podedes lelo (como se estivesedes espiando detrás da porta ou agachados no armario coma na canción de Pulp), pero sabede simplemente que non sodes o target deste post, ao igual que non sodes o target de Hello Giggles. Aínda que cando vos digamos que Hello Giggles é en parte cousa de Zooey Deschanel seguro que vos quedades espiando pola rendixa da porta…

Hello Giggles é un blog fantástico fundado por Zooey Deschanel (si, a actriz, cantante de She&Him e icona indie), Sophia Rossi (produtora, non a actriz porno que di Google!), e Molly McAleer (blogger e Internet sensation); que aspira a ser o destino por excelencia en Internet para rapazas “listas, independentes e creativas”. E o certo é que, polo menos, é un sitio moi divertido.

As súas seccións van desde beleza ata guías para facer cousas (tipo “como bailar ben”), ademais de “estudos sociais” (aquí é onde entra Mad Men) e outras categorías que rozan o surrealismo (como acontece despois cos posts como o de “cousas que inventaría se tivese tempo” no que Deschanel explica que inventaría un robot para coidar do xardín, que de paso fixese a cea).

Pero non escriben tan só as tres fundadoras, senón que a lista de autoras (e autores, que tamén hai algún) e longuísima e está formada por xornalistas, artistas, e xente da farándula e de Internet (é Internet a nova farándula?) en xeral. Entre as autoras está tamén, por certo, Elizabeth Sankey, cantante en Summer Camp á que coñecemos polo seu proxecto paralelo xunto con Emmy The Great finxindo ser as xemelgas de Sweet Valley.

Un blog superficial? Moito. Pero que tire a primeira pedra quen nunca teña comprado (ou olleado por riba intentando que ninguén a vise) unha Cosmopolitan ou Glamour ou calquera desas revistas. Esta é unha versión en Internet máis divertida que non se toma demasiado en serio… e tan só pola sección “cousa do día” paga a pena. Xa verás.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *