Houbo unha época na que os anuncios das galletas os firmaba un señor de debuxos moi decadentes chamado Alfons Mucha. Era unha época na que as catedrais facíanse con deseños delirantes. E todo era tan bonito que aínda hoxe ten un número moi importante de fans. Para os entusiastas do Art Nouveau, Galicia ofrece terribles traxedias (como o recordo do Edificio Castromil de Santiago, derrubado por unha administración sen moitas luces…) pero tamén entusiasmantes recunchos. A Coruña ten toda unha ruta turística para seguir as pegadas do Art Nouveau na cidade e Sada unha incrible cafetería a pé de mar.
La Terraza chegou a Sada dende a propia A Coruña, cidade na que se construíu no 1912 como un dos novos kioskos que se instalaban a pé de mar. Entre 1919 e 1920, desmontárona e levárona peza a peza a Sada, onde volveu ser reconstruída para converterse nun dos lugares máis chamativos do lugar. O tempo pasou, as modas tamén, pero La Terraza continuou co seu aspecto modernista, chegando ata os nosos días como testemuña dunha época que tivo moito pero que moito glamour.
Entrar nel é como viaxar no tempo: alí continúa, tal como era naqueles tempos. “Antes os camareiros poñía paxariña, como os de antes”, explícanos unha habitual de vai uns meses que foi ademais quen nos descubriu este lugar tan especial. No día da nosa visita, os camareiros ían vestidos con roupa contemporánea o que rachaba un pouco co aspecto do lugar. Unha paxariña ao final non fai tanto dano e asegura o espírito da época e dálle certo encanto retro.
Contrario a outros lugares vintage de Galicia (e si, estamos a falar do Derby de Santiago), tomar un café neste paraíso modernista non arruína ninguén. La Terraza tamén ten restaurante (que non puidemos probar) e agora fan sesións de jazz. Están en Facebook e en Twitter e, segundo se pode ler na prensa local, están a procurar que o concello reduza o tráfico na contorna do edificio para salvalo do dano da vida moderna.
Fotos | Disquecool |-Merce-