Allegro: o coro cool

“Coro cool” paréceche un oxímoro? A música coral hai tempo que está desprestixiada, alomenos, entre as novas xeracións. Aburrido é  o calificativo que adoita empregarse para acompañar á palabra coral. E non é só a nosa culpa.

A música clásica pode ser fantástica, ninguén o dubida. O que non é, é moi popular. Peor mo pos se falamos de habaneras, a grande aposta das corais. Alguén por debaixo dos 60 anos pon algunha vez habaneras no seu mp3?

Por iso agradécese que as corais, sen renunciar aos tipos de música máis tradicionais, sumen ao seu repertorio cancións pop e rock, por exemplo.

Iso é o que fai Allegro, nunha aposta clara por fuxir do encadramento e non limitar as cancións de coro a uns determinados estilos musicais. Así, poden interpretar dende a Carmen de Bizet, ata a Si tú no estás aquí, de Rosana, pasando por The lion sleeps tonight. Aínda que esa non é a única diferencia substancial: na coral Allegro os intérpretes bulen, móvense, porque cantar é vivir.

Explica Preciosa Ucha Sobral, directora da coral Allegro, que noutros países é máis común atopar coros activos, que bailan e que se achegan a diferentes estilos de música. Por exemplo, é algo moi frecuente en Latinoamérica, onde ela viviu durante anos e onde se impregnou desa maneira de entender a música coral.

Cando Preciosa comezou coa coral en 1996, co obxectivo de integrar aos pais nas actividades da academia musical Allegro, tiña xa moi claro o que quería. Todos os tipos de música e sobre todo, con emoción, porque ela nunca entendeu como se pode cantar ficando quieto, contido.

Aínda que ao principio moitos se estrañaron, pronto estar facendo algo diferente converteuse nun reclamo. Hoxe a coral está formada xa por outra xente, e aínda que a idade media ronda os 50 anos, é quen de atraer voces novas. Así, a integrante máis nova, Kris Wyatt, de 26 anos, explícanos que elixiu Allegro porque, ademais de atopar un espazo onde se valoraba o seu interese polo canto, ten a posibilidade de cantar pezas que ninguén máis canta en Galicia. “Nós somos diferentes dende que nos poñemos de pé no escenario, ata que acabamos de cantar a última peza e saudamos”.

Non me malinterpretedes, non insinúo que a xuventude sexa un valor por si mesmo ou que os que gozan das habaneiras non teñan dereito a facer festivais. O que si creo é que a música coral non ten por que quedar circunscrita ao espazo tradicional, e sobre todo que, se quere pervivir, terá que renovarse para non morrer.

Foto | Allegro

Shares

    Etiquetas

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *