Os festivais que veñen: xuño 2011

Isle of Wight FestivalSi, si, chegamos unha semana tarde, pero esperamos que as nosas propostas para gozar dos días máis longos do ano rodeados de música e fermosas paraxes non caian en saco roto. Como sempre (e si, é só a segunda vez que facemos este tipo de posts, pero esperamos que acaben constituíndo unha pequena tradición) recomendamos festivais para todas as axendas e carteiras: un aquí en Galicia, outro na Península e outro no estranxeiro.

En Galicia: Sinsal Illa de San Simón. San Simón, 25 xuño.
A proposta máis orixinal e case exclusiva deste mes é a que ofrecen desde Sinsal na Illa de San Simón: tres escenarios, espazo para performances e proxeccións. Entre os artistas que terás a oportunidade de ver atópanse Jane Joyd (que vén de gañar o Proyecto Demo este ano), The Marzipan Man, Secret Chiefs 3 (a banda de Trey Spruance, ex Faith no More) contra Fat32, Buke and Gass (unha das propostas máis orixinais cun ukelele modificado e unha especie de mestura entre guitarra e baixo), Laetitia Velma (protexida de Dominique A), e moitos máis. Son 25 euros, co transporte en barco ata a illa incluído. Iso si, merca a entrada rápido, que o aforo da illa é, como é lóxico, bastante limitado.

[Fans do Vigo Transforma, non vos enfadedes. Falaremos -e moito -del, e ademais tamén vale para a lista de xullo!]

En España: Sónar. Barcelona, do 16 ao 18 de xuño. A Coruña 17 e 18 de xuño.
O festival por excelencia para os amantes da música electrónica que desde o ano pasado ten tamén a súa miniversión en A Coruña. Poderás ver a Four Tet, How To Dress Well, Toro Y Moi, Cut Copy, The Human League (si, os de Don’t you want me), M.I.A, Dizzee Rascal, Janelle Monáe, Shackleton… Vaia, un cartel atractivo incluso se non es moi dado á música electrónica (á que escribe, sen ir máis lonxe, non lle importaría poder ir). Son 155 euros o abono para Barcelona (anticipado), 100 euros para dúas noites, ou 60 euros unha noite. O abono para A Coruña son 65 euros (35 euros cada día).

No estranxeiro: Isle of Wight Festival. Isle of Wight (Reino Unido), do 10 ao 12 de xuño.
Quería saír do Reino Unido e presentarte algo nalgún lugar do resto de Europa, pero non é posible. Non cando no Reino Unido se celebra o festival de Isle of Wight (estamos nun mes de illas), un dos festivais históricos (a súa primeira edición foi en 1968 con Mark Bolan). Este ano, ademais, o cartel é impresionante: estarán Pulp (por se non puideches velos no Primavera e Paredes de Coura non te atrae -ou queres velos moitas veces!), Iggy and the Stooges, Stornoway, Hurts, We Are Scientists, Band of Horses, Beady Eye (a banda nova de Liam Gallagher), Two Door Cinema Club… As entradas están esgotadas, pero aínda tes unha oportunidade: en viagogo está a ter lugar a revenda oficial. Iso si, espera pagar máis de 250 euros…

Foto | Edward Simpson

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *