Primavera Sound 2011: delicadeza folk (sábado 28)

Se o venres era o día de abandonarse á adolescencia, o sábado era o día de deixar entrar ás novas propostas nese pequeno oco que o meu corazón ten reservado para uns cantos novos talentos. E, felizmente, dous dos nomes que conformaban o cartel do día xa habitaban ese oco desde hai cousa dun par de anos, polo que aínda que a emoción era moi distinta á do día anterior, o sentimento seguía aí e era igual de forte.

– The Tallest Man On Earth. O pequeno Kristian Matsson tocaba ás 5.30 da tarde, unha desas horas que parecen moitas veces sentenciar aos músicos a non tocar máis que para un puñado de fieis fans e máis o sol. E si, podería dicirse que o concerto de The Tallest Man On Earth cumpriu con esas normas de actuación vespertina, coa única excepción de que o seu puñado de fieis fans é moito máis amplo do normal nos artistas que tocan a esas horas. E Kristian Matsson, claro, estaba contento.

 

The Tallest Man On Earth e Amanda Bergman

Kristian Matsson (The Tallest Man On Earth) e Amanda Bergman. Foto | Disquecool

A súa actuación foi un repaso fantástico polos seus dous discos, sen facerse de rogar á hora de regalar á audiencia temas como I Won’t Be Found ou The Gardner (do seu primeiro traballo ‘Shallow Grave’, coas que abriu o concerto) ou os aplaudidos Love is all ou You’re Going Back de ‘The Wild Hunt’. Mención aparte, como non, merecen a xenial King of Spain, que tocou con dous músicos máis aos que, confesou, coñecera o día anterior, e Thrown Right at Me, un dos momentos máis emocionantes no que saíu a cantar a súa moza Amanda Bergman (e no que Kristian pareceu esquecer ao público para centrarse en cantarlle you’re so beautiful now). Fermoso.

– Yuck. Da emoción de The Tallest Man On Earth marchamos ao escenario ATP para botarlle unha ollada a Yuck, un deses grupos que un pouco sen comelo nin bebelo eran do máis esperado grazas ao seu primeiro álbum lanzado hai tan só uns meses. O seu indie-rock clásico non defraudou.

– Papas Fritas. Os veteranos do pop máis poppy ofreceron a súa combinación de cancións de melodía perfecta (desas que fan que a túa cabeza se balancee dun lado para outro que na boca se nos perfile un sorriso algo estúpido) e lograron reunir a un bo número de fans ansiosos por ver se, a pesar da súa idade, a música de Papas Fritas seguía soando xuvenil.

– Fleet Foxes. O segundo gran momento do día era este, o da primeira actuación en España dos Fleet Foxes (estiveron de xira europea hai un par de anos -daquela eu cazáraos en Viena nun concerto no que quedara impresionada co ben que cantaban-, pero non pararon por aquí). Puntuais, ás 19:40, Robin Pecknold e compañía saíron ao escenario e ofreceron un dos mellores (o mellor?) concertos do festival.

 

Robin Pecknold (Fleet Foxes)

Robin Pecknold (Fleet Foxes). Foto | Disquecool

O seu segredo é unha fórmula con moitos ingredientes: unhas cancións complexas e case-perfectas, uns músicos coa capacidade de atacar harmonías dunha beleza espectacular aparentemente sen esforzo, e un cantante principal, Robin Pecknold, cunha das mellores voces do panorama internacional. Así, e cun repertorio que incluíu He Doesn’t Know Why, Your Protector, White Winter Hymnal ou Blue Ridge Mountains do seu aclamado primeiro disco; e un segundo disco aínda mellor que permite marabillas como Sim Sala Bim ou Battery Kinzie, era difícil fallar. E se pechas o concerto con Helplessness Blues (e ou non é unha canción perfecta?), a ovación está asegurada.

A emoción deles, ademais, era evidente. Robin Pecknold parecía sorprendido en todo momento do feito de que o público aplaudise tanto e cantase as cancións; aínda que era moi consciente do feito de que un 80% da audiencia non era española (“e a nosa primeira vez en España”, dixo, “e a primeira vez en España dalgún máis de vós?” -e si, a resposta parecía indicar que así era).

PJ Harvey

PJ Harvey. Foto | Inma Varandela (Primavera Sound)

– PJ Harvey. Xa co partido da Champions rematado (no festival tiveron o acerto de retransmitilo nas pantallas do Escenario Llevant, ese que polo menos está lonxe e non molesta), o Escenario San Miguel encheuse para esperar a Polly Jean. O público estaba algo dividido, entre os que crían que o concerto ía ser un aburrimento (os detractores do seu último disco) e os que esperaban á nova PJ con emoción. Os menos realistas, pola súa parte, aínda esperaban que Polly Jean saíse ao escenario en minisaia e suxeitador…

Pero por suposto, a PJ Harvey que saíu ao escenario do Primavera era a mesma PJ Harvey que gravou o seu último disco ‘Let England Shake’ nunha igrexa: vestido branco e longo, plumas na cabeza, e cítara. Debullou o último álbum case enteiro, rescatou bastantes do anterior (e aburrido) ‘White Chalk’, e regalou tamén algún dos momentos máis esperados para os que esperaban á Polly Jean de sempre: Down by the water e Big Exit. Aínda así, a actuación deixou frío a moita xente que lembraba con nostalxia aqueles concertos nos que ‘Rid Of Me’ tiña un protagonismo especial e remataban con PJ gritando “My legs are on fire” como unha tola…

– Animal Collective. Deilles unha oportunidade de cinco minutos para confirmar que non, non me gustan. De todas formas, o comentario xeral da xente ao día seguinte era que o concerto deixara frío tamén aos fans e que un dos grupos máis esperados do festival non conseguira conectar co público.

Crónica do xoves 26 (a desorganización)
Crónica do venres 27 (delirio adolescente)

Foto portada | Disquecool

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *