O disco da semana: Sweet Heart, Sweet Light de Spiritualized

Jason Pierce, a.k.a. Spiritualized, vén de estrear hai xa camiño dun par de meses este traballo, o seu sétimo álbum de estudo. ‘Sweet Heart, Sweet Light‘ (Double Six Records, 2012) é un disco que, como se adoita dicir, non deixa indiferentes. Precisa dunha dixestión laboriosa, e un acaba pelexándose con el a miúdo, tirándose dos pelos, deixándose levar polo exceso do que Spiritualized fan sempre gala. Aquí non hai especulacións, porque nunca as houbo, e podemos atoparnos dende o que ben pode ser un dos mellores temas do ano cando toque facer o repaso, a momentos onde ese exceso é tal que non sabes se berrar ou comezar a tremer. Como dixeramos noutra ocasión, ‘Sweet Heart, Sweet Light’ dura case unha hora, e unha hora sen altibaixos é case imposible.

Unha vez superada a testemuñal Huh? (intro), chegamos a ese momento absolutamente memorable. Hey Jane enche case nove minutos de inspiración absoluta, tirando da cara máis obscena e rockeira de Pierce, pero lembrando que o que el fai é moito máis. O que fai mistura o máis orgánico do rock co virtuosismo de quen leva unha carreira (xa dende o mito de Spacemen 3) chea de fantásticos discos. Aquí aparece tamén o dream pop de sempre, nese segundo asalto, e esa etiqueta de space rock que naceu case coa única intención de separar a Spiritualized de tódolos demais. Little Girl decrece o ritmo e agradécese, senta xenial a ritmo cansiño, e o exceso chega con Get What You Deserve. Aquí comezamos a mastigar, unha canción de carne dura e enervada, que gusta, pero acaba cansando un chisco. Too Late volve ao mar calmo, aínda que pasa como desapercibida, sen que deixe demasiado poso no resultado final.

Houbo un baixón. ‘Sweet Heart, Sweet Light’ perde algo o ritmo e está por ver se consegue recuperalo. Para tentalo, volve a recorrer a un tema de máis de oito minutos. Aquí non doe arriscarse. Sutilezas a Jason. Headin’ For The Top Now é o tema máis psicodélico de todo o disco, unha psicodelia que ás veces se bota algo en falla, moito máis habitual en discos pretéritos. Freedom volve xogar co intervalo entre electricidade e calma, aportando certo aire británico, e tirando de coros que lembran a unha cita co ghospel tranquilo marca da casa. Ese espírito sagrado mantense en I Am What I Am, misturando o espiritual coas distorsións xordas. Ata aquí o prometido, o exceso, algo de irregularidade e a certeza absoluta de que Spiritualized non foron nunca un grupo para comezar, senón para oídos xa ben adestrados.

O trío final, iso si, deixa lugar a poucas dúbidas. Máis ben a ningunha. Dende a decadente ambición de Mary, espectacular por necesidade, afiada como un coitelo de matanza, ata a preciosas sutileza da fráxil Life is a problem, feita a medida para musicar unha fábula, de magnífica melodía. E logo, logo chega o final. Logo chega o peche perfecto, para que as poucas fendas que semellaba haber en ‘Sweet Heart, Sweet Light’ queden perfectamente soldadas. So Long You Pretty Thing é outra obra mestra, un deses temas que enche de enerxía calquera das catro paredes entre as que soe, un canto esplendoroso. Non todo foi así, certo é. Pode que haxa algún baixón previo, a medio metraxe, e que nos preguntemos se non pagaría a pena ter deixado algún tema na reserva, pero cando hai tantos bos momentos para compensar, un remata a escoita sen apenas lembrarse daquelas dúbidas, xa tan lonxanas. Doce vida, e moita luz.

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *