(Marcamos cun asterisco vermello aos artistas que tocarán esta fin de semana no Optimus Primavera Sound en Porto)
Este ano xa non había medo: veterana no Primavera Sound, veterana en ir a macrofestivais soa, a seguridade e ese non sei que de amor propio que dá ter unha pulseira distinta á do resto dos mortais (ego xornalístico). Nada podía saír mal. Ademais este ano desde a organización tomaron a boa decisión de volver a iso tan vintage de deixar á xente pagar con cartos e non depender dunha aplicación do iPad que pode deixar á xente sen cervexa durante dúas horas como pasou o ano pasado. Ata eliminaron o escenario Llevant, aquel que estaba tan lonxe (despois descubrimos que o escenario seguía alí, pero con outro nome), as intencións eran boas!
Cal foi o resultado? Tamén bo. Non bo tipo San Simón ou Sziget, senón bo a secas. Unha sabe que vai a un festival con demasiada xente, que o persoal de seguridade vai a falarlle en inglés antes que en castelán ou catalán, que vai a sufrir o indicible ao ver como todos os grupos que quere ver tocan á mesma hora en sitios distintos. Sabendo todo iso de entrada, só queda concentrarse na música. Isto é o que deu de si o primeiro día.
– * Baxter Dury. A idea era empezar por Baxter Dury, que abría o escenario San Miguel, pero unha longa e inesperada cola na entrada de prensa (máis lenta que a da xente normal!) fixo que só puidese ver dous temas do fillo de Ian. Dous temas que me fixeron lamentar non ter ido media hora antes cara ao Forum.
– Field Music. A estes ingleses hai que recoñecerlles o mérito de tocar á mesma hora e a poucos metros de Grimes, que eran quen tiñan a multitude nese momento. Deulles igual: sacaron o seu pop ás veces delicado, ás veces acendido, a relucir, cantaron todos e cada un deles e fixeron como que non se decataban de que por momentos o son de Grimes chegaba ata os oídos do seu público. Un público, iso si, entregado á causa, e que cada vez que desde o outro lado das gradas se escoitaba á multitude aplaudir a Grimes, facía o propio para Field Music. Era un David contra Goliat e desta vez gañou Goliat. Pero David tamén o intentou.
– * Death Cab For Cutie. O escenario Mini, tan afastado, estaba repleto de xente desexando revivir a súa adolescencia, pero o certo é que a actuación de Death Cab For Cutie deixou fríos ata aos máis fans da banda. Si, caeron grandes clásicos como Soul Meets Body, A Movie Script Ending ou The New Year, pero faltaron outros tantos e, sobre todo, faltou alma. Non axudaron os problemas de son, cun pequeno momento de pánico no que directamente a música deixou de soar mentres eles seguían tocando.
– Beirut. Tras a decepción de Death Cab for Cutie e o mal son que tiña o escenario Mini, moitos tememos que a actuación de Beirut seguise o mesmo rumbo. Afortunadamente, non foi así. Zach Condon e os seus teñen no seu haber tres discos impecables, polo que era difícil fallar: caeron desde Santa Fe ata Postcards From Italy, e houbo trompetas e ukeleles para facer feliz ao máis escéptico. E era realmente bonito ver como todo o mundo, desde os que estaban apostados na primeira fila ata os que facían cola na barra xa lonxe do escenario, empezou a bailar en canto soaron os primeiros acordes. E si, á mesma hora estaban a tocar Wilco no San Miguel, pero estando tan lonxe e bailando os ritmos pseudo-balcánicos de Beirut era fácil de esquecer.
– * The XX. Era un dos concertos máis esperados e posiblemente fose un dos mellores do festival. Co escenario Mini (si, o xoves tomei a boa decisión de ir ata alí e xa non moverme nunhas horas) ateigado, The XX non fixeron nada novo, pero fixérono todo ben. Deixaron contento ao público cos hits (VCR, Crystalised…) e combinaron momentos máis ambient con outros máis bailables. Algo que reprochar? The XX non deberían tocar á unha da mañá. Moitas veces esa beleza envolvente chegaba aos ollos do público facendo que se pechasen de forma momentánea e as súas bocas esbozasen bocexos.
– Franz Ferdinand. O escenario San Miguel quedaba de camiño a casa desde o afastado Mini, así que non había escusa para marchar sen ver a Franz Ferdinand. Alex Kapranos e compañía saíron impecables e empezaron a arrastrar hit tras hit co obxectivo de que ninguén puidese deixar de bailar. E se ben o pobre Kapranos ía perdendo voz por momentos (avisou na metade do concerto, estaba acatarrado, e de cando en vez actualizábanos sobre o estado da súa voz), o certo é que iso non afectou demasiado á actuación. Se cadra tiña unha voz máis profunda. Franz Ferdinand son unha delicia en directo.
Foto portada | Dani Cantó (Primavera Sound)