Primavera Sound 2012: o día de The Cure (venres 1)

(Marcamos cun asterisco vermello aos artistas que tocarán esta fin de semana no Optimus Primavera Sound en Porto)

Non importa que o cartel do venres estivese cheo de nomes grandes. Se The Cure tamén están, eclípsano todo ante a promesa de algo especial, e iso foi precisamente o que pasou durante a segunda xornada do San Miguel Primavera Sound, que será lembrada por todos como “o día de The Cure”. Non houbo máis? Claro que si, houbo moito e bo.

– Laura Marling. O Auditori Rockdelux é unha das características que fan máis especial ao Primavera Sound, polo que a noticia de que quizais o ano que vén desapareza é bastante tráxica. Aínda alleos ao negro futuro do mellor escenario do festival (ese que nos fai esquecer que estamos nun festival), acudimos a ver a Laura Marling para sorprendernos por todo iso que xa sabíamos. Véndoa a ela, tan loura e con cara de nena, unha esperaría una voz máis tipo Russian Red que o que finalmente sae pola súa boca: moita seguridade e madurez, perfecta en todos os momentos. Acompañada pola súa guitarra e por unha fantástica banda, Laura Marling ofreceu un concerto de folk fantástico, facendo un repaso polos seus tres discos.

– The Chamaleons. Dun perfil moito máis baixo que The Cure, The Chamaleons tamén poden dicir que levan toda a vida na música. E eses trinta anos (con separación e comeback polo medio) notáronse no escenario non en forma de cansazo, senón de mestría. Os ingleses lograron case encher o escenario Ray-Ban de nostálxicos e curiosos que recibiron unha boa dose de post-punk escuro que contrastaba co sol abafante das 6 da tarde.

Rufus Wainwright and his band 02 Eric Pamies

Rufus Wainwright. Foto | Eric Pamies (Primavera Sound)

* Rufus Wainwright and His Band. Mentres tanto, no escenario San Miguel chegaba un dos pratos fortes do día: o noso querido Rufus. Ademais desta vez viu con banda, co que a súa música soa moito mellor que no formato one-man-band co que nos visitou hai uns anos e Rufus gaña en liberdade de movementos. Porque si, o Rufus Wainwright en versión “mans libres” non ten desperdicio. Outros compromisos noutros escenarios fixeron que só vise o comezo do concerto, pero aseguro que tomar a decisión de marchar non foi fácil. En catro cancións houbera tempo para ‘Out of the game’ (foi disco da semana en Disquecool), éxitos do pasado e homenaxe Levon Helm, a mamá (a recentemente falecida Kate McGarrigle) e a papá (Loudon Wainwright III) cantado con Teddy Thompson (fillo de, tamén). Fantástico.

Robert Smith (The Cure). Foto | Eric Pamies (Primavera Sound)

– Girls. Houbo que marchar de Rufus porque lonxe, no escenario Mini, empezaban Girls e había que comprobar se son tan bos en directo como en disco (de Rufus xa o sabíamos). E si, si que o son: cun escenario cheo de flores (cada micro tiña un ramo que despois tiraron ao público como se fose unha voda), tres cantantes gospel facendo os coros, e uns estilismos que só podo cualificar de especiais, Girls deron un concerto magnífico protagonizado pola voz tan triste de Christopher Owens e todos os grandes éxitos dos dous discos que teñen de momento. Mención especial para Vomit, cunha das coristas tomando a primeira fila e facendo unha exhibición de voz impresionante. E se ao final de todo regalan flores, como non querer abrazalos?

– The Cure. E por fin chegou o momento máis esperado. Robert Smith e os seus saíron ao escenario a ofrecer o único concerto que saben facer: un concerto musicalmente impecable, deseñado para a felicidade fan, e con tempo. Case tres horas de canción tras canción, repasando os grandes éxitos (Friday, I’m in love, Lovecats, Love Song, Close to me…), si, pero tamén temas deses perdidos ao longo da súa discografía. E quizais sexa ese o segredo: un grupo de músicos que trinta anos despois segue a desfrutar de tocar en directo como o primeiro día. “Non tocamos isto desde 1997, espero que saia ben”, asegurou Robert Smith nun momento. Iso explícao todo. Explica os tres bises, o reservar Boys Don’t Cry ata o final e explica que a multitude que ateigaba o escenario ao principio do concerto fose un pouco menos numerosa (pero aínda moito) cando rematou. Os pés sufriron, os oídos desfrutaron.

* The Drums. Un concerto de The Drums hai que velo bailando, pero confeso que pasei toda a súa actuación sentada nas gradas do escenario Ray-Ban cos pés colgando e recuperándose de The Cure. Ao fondo, eles ían desgranando as súas cancións de pop surfeiro e estival, cheos de enerxía, pegando chimpos coma tolos e animando a un público con ganas de bailar. Entón chegou o final, chegou Let’s Go Surfing, e apareceu a maxia: como forzados por un imán, todos os que estabamos mortos nas gradas (non era só eu, vale?) saltamos a mesturarnos coa xente. Hai cancións que obrigan a bailar. The Drums teñen a receita.

Foto de portada | Eric Pamies (Primavera Sound)

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *