O disco da semana: Out Of The Game, de Rufus Wainwright

Rufus Wainwright - Out Of The Game

*Colaboración de Dr. Chou

Bueno, respiremos tranquilos. Ao bo de Rufus non se lle esqueceu iso de deseñar cancións pop. Sinxelamente. Cortes de catro minutos, con instrumentacións ambiciosas para plasmar un resultado marcado pola sinxeleza, lonxe desas pallas mentais nas que andaba envolto hai máis dun ciclo olímpico. Na súa defensa diremos que podemos entendelo. A Wainwright, mentres coqueteaba coa ópera, coas homenaxes a Judy Garland, ou con duetos de maior ou menor categoría, pasáronlle ben de cousas. A súa nai faleceu, fixo avó a (poñémonos en pé) Leonard Cohen, e claro, un perde a concentración, e, por momentos a cabeza.

Pois ben, unha vez atopado a si mesmo de novo, repeiteado o flequillo, Rufus Wainwright lanza o seu sétimo disco, ‘Out of the Game‘ (Polydor, 2012), cunha sorte ben distinta aos seus traballos previos, aínda que, iso non o negaremos, afastada aínda daquela soberbia parella formada polos ‘Want’. En todo caso, o que case poderiamos tratar como primeiro paso de Rufus pisou en firme. Cancións tan solventes como o trío que abre o álbum, Out of the Game, Jericho ou Rashida amosan ben ás claras que cando a un lle sobra o talento, só ten que pararse de cando en cando a respirar, e retomar o camiño. Alguén con esa voz, con esa volubilidade, con esa maxistral capacidade compositiva só pode adicarse ao que se adica.

‘Out of the Game’ ten, porén, máis dun borrón no seu expediente. Por iso dicimos que si, que a cousa está ben, que é un traballo ben bonito, pero que non acada o listón previo, que está ben para convidalo a tomar algo, pero aínda non te das decidido a casar con el, case nin a levalo á cama. Tras ese arreón inicial, repártense outros grandes temas con cortes de calado moi pouco profundos, anódinos e marcados pola indiferencia. Aí está a máis que prescindible Barbara ou unha Montauk que pegaría marabillosamente como tema central dunha banda sonora de Disney, pero que non funciona especialmente ben co resto do repertorio. Mesmo unha Bitter Tears que, pese a estar mellor traballada que as previas, resulta máis efectista que efectiva.

Non quedemos con mal sabor de boca, insisto, hai futuro por fin. Saímos desa lama e desa penumbra e, non gratuitamente, saímos a golpe de temazos, a base do abecedario Wainwright que se plasma á perfección en Welcome to the Ball, ou mesmo nesa balada que nos traslada aos western de mediados de século, Respectable Dive. Volvemos á fe eclesiástica do Rufus de Perfect Man, e afiamos xa os cabeiros pensando nese día de xuño no que visitará, por fin con banda, Galicia para ver se os aires esperanzadores que ‘Out of the Game’ ten na súa versión de estudo se trasladan a un directo máxico. O tempo dirá se é unha recuperación seria, ou só un golpe de xenio efémero.

Foto | Rufus Wainwright

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *