O disco da semana: Valtari, de Sigur Ròs

*Colaboración de Dr. Chou

Estivo ben. Foi bonito, divertido, emocionante, mesmo morboso. Foi xogar co prohibido e demostrarse a si mesmo que non hai nada que non poidas permitirte facer. Facer ben, enténdase. Vímonos a nós mesmos pensando en que Sigur Ròs era bailable, e que podiamos pedilo sen ruborizarnos ao DJ do noso garito favorito. Se a iso lle sumamos que o traballo do Jònsi infiel continuaba esa liña, chea de enerxía e vitalidade, semellaba que, nos gustase ou non, o camiño estaba trazado. Aló ían anos de ambientes etéreos, delicados, saloucantes e máxicos. ¿Aló ían? Pois non.

Aló van os tonteos coa loura esa prohibida do teu curro. Sigur Ròs volve vestirse de Sigur Ròs. Dos de verdade, dos de sempre. E entón, mentres lle das vida a ‘Valtari’ (EMI, 2012) é cando comezas a pensar que quizais botes en falla toda a ledicia do seu último traballo, pero tras tres temas caes en que, en realidade, o que botabas de menos era a Sigur Ròs. ‘Valtari’ é un disco terriblemente esixente, quizais o máis difícil de dixerir que nunca fixeran os islandeses, aínda que non sempre é así. Ég anda corta a cinta de xeito fráxil pero firme. Como dicindo que isto é o que mellor saben facer, e que por iso son unha das mellores bandas nadas nas dúas últimas décadas.

Ekki múkk, o segundo corte, é o escollido para exercer de primeiro single. Non queda demasiado claro que sexa unha escolla acertada, pero si que, dende logo, é arriscada. Tons pouco enérxicos, lonxe do nervio, moito máis a carón da temperanza. Case oito minutos na busca dun clímax que non sería posible sen o encadeamento inmediato da soberbia Varúd, coa que fai o mellor cuarto do traballo. Sons agudos, alegres e os típicos crescendos que acaban enchéndoche o espírito e aledándoche calquera atasco. Varúd non se pode bailar, certo é. Antes podías, agora non. Pero agora segues desfrutando, se cadra, aínda máis.

Tan bo é ese momento, que resulta imposible non botalo de menos no que resta de disco. E é que cortes precisos e delicados como Rembihnútur, ou de corte máis evanxélico como Vardeldur, ou os matices electrónicos (o propio Jònsi declaraba que este era o traballo máis electrónico da banda) de cortes como a caótica Valtari xogan a ser máis banda sonora que colección de cancións. Bótase en falla algún elemento máis enervante durante esta segunda parte, un discurso máis optimista, vitalizante. A Sigur Ròs púidolle nesta ocasión o silencio, como se, tras tanto alboroto, confeti, tambores e plumas, precisasen non saír desa cova na que levaban tanto tempo metidos. A volta á casa. A volta ao fogar. Pode que non sexa tan arriscado, pero en poucos lugares se está mellor.

Fotografía | Sigur Ròs

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará