Os festivais que veñen: maio

PinkpopEn maio, pensamos todos, en maio si que chegará a primavera. Dalgunha forma xa esquecemos todos eses meses de bo tempo que tivemos no inverno e queremos primavera! Xa é case maio! Ignorando ao ceo, nós imos a dar por feito que a primavera de verdade (a de sol, non a de chuvias) xa está aquí e que de verdade empeza a tempada de festivais. Estes son os festivais que recomendamos para maio!

– En Galicia. Reperkusión. Allariz (Ourense), 17-19 de maio. Para todos os que nos (me) acusades de ser demasiado indie. Mirádeme, recomendando un festival que ten a Manu Chao como cabeza de cartel! Á marxe do susto que os máis hipsters dos nosos lectores poidan ter agora mesmo no corpo, en Disquecool adoramos o Reperkusión. En palabras dunha disquerredactora “é o festival máis divertido, prefiro estar rodeada de perroflautas [a súa expresión, non miña] que de modernos de ‘tres al cuarto‘”.

– En España. San Miguel Primavera Sound. Barcelona (Cataluña), 30 de maio ao 3 de xuño. O cartel case non deixa nin respirar. Nós recomendamos a quen estea disposto a gastar todos eses cartos en viaxe e entrada optar pola opción catalá por varias razóns: Sharon Van Etten, Beirut, Josh T. Pearson, Girls… Iso si, en Porto estarán Suede, e o amor adolescente por Brett Anderson pode facer moito.

– No estranxeiro. Pinkpop. Landgraaf (Holanda), 26-28 de maio. Unha viaxe primaveral a un dos festivais ao aire libre con máis historia de Europa (desde 1970, que se di pronto). O cartel? Bonito: Ben Howard, Bombay Bicycle Club, Mumford and Sons… e grande: Bruce Springsteen e The Cure.

Foto | Chris Friese

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *