O disco da semana: Axis, de Mugstar

Cando todos andamos máis atarefados pensando nos resumos dos 365 días pasados, ou mesmo agardando os prometedores lanzamentos que agardan para o ano dos dous últimos díxitos malditos (se é que os maias non acertan, e quedamos sen mundo previamente), aínda se atopan momentos nos que un se leva unha sorpresa. Unha sorpresa, que, en realidade, son varias sorpresas pequeniñas. A primeira, obviamente, atoparse cun disco extraordinario cando no que máis centrado estás é en saber se o 10 e o 11 da lista están no correcto orde, ou se sería máis xusto ao revés. Outra sorpresa é que, cos tempos que corren, e coa sabida querenza que sinto polos sons do kraut, noise ou post-rock, a unha banda tan grande como Mugstar, con nove anos de carreira as costas, a coñeza xusto hoxe.

Mugstar é un cuarteto de Liverpool que leva medrando a carón dos sons de xente como Neu! ou Mogwai dende o ano 2003, e que no seu momento chegou a ser bendicida polo mesmísimo John Peel, que é o puto amo de todo isto por Inglaterra adiante. Aínda que “Axis” (Agitated Records, 2012) é o seu quinto LP, segundo este ano, as referencias entre singles, gravacións en directo e ep’s dan para encher numerosas horas de poderío rock, sempre instrumental, case sen apenas voces que aliñen ou edulcoren unha receita natural. Uns Michael Gira algo máis entrados no mundo da domesticación, e menos convencidos polo extremismo.

Mugstar non son Swans, non son tan bestias, pero si gardas certas semellanzas no obvio, no puro, na orixe. E para comprobar iso é abondo con escoitar Black Fountain, sete minutos nos que hai de todo. Intensidade, precisión cirúrxica e un discurso tan impactante como profundamente honesto. Poucos quedarán, cando remate a canción, que se resistan a aceptar que estamos ante unha banda grande. Por se aínda queda alguén, algún que rañando a barda solte un “psé, si, non está mal”, Mugstar ten preparado despois a bomba de Hollow Ox, con eses primeiros acordes de pianola mal afinada, e a declaración de guerra posterior. Un exemplo práctico de como amañar un tema brutal en tres movementos. Xaque mate.

Os menos de corenta minutos de “Axis” non serán tidos en conta como un debe. Teñamos presente que a banda lanzou outro traballo apenas hai un par de meses. Ademais, falamos de sete temas onde se exploran liñas menos escuras, e mesmo trazos de cores cálidas e optimistas como Tangerina. Co cal se un lle vai sumando elementos como a danza macabra de Axis Modulator ou a hipnose á que nos somete repetidamente Upturnsidedown imos aclarando, de cara á audiencia, que o feito de que Mugstar fosen ata hoxe uns perfectos descoñecidos é absolutamente lóxico. O de que a partir de agora lle seguiremos a pista de preto, tamén.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *