Nadadora sepáranse. Ata pronto, Nadadora

Para comezar, direi que Nadadora son amigos. E direino por dous motivos. O primeiro, que ninguén me acuse de que esta non vai ser unha entrada obxectiva e analítica. Xa digo que non o vai ser. O segundo, que un de amigos así ten que presumir. Dicídeme por que non querería estar con alguén así. Como o pai orgulloso do seu fillo no partido dos sábados pola mañá.

Tivo que ser o puñetero 12-12-12. Entre mantas de ruído, Nadadora anunciou a súa disolución. Así, vestíndose de frío, buscando a forma, sentindo como se desliza ao cortar, esta noite paran de brillar. Mentres os demais coñecíamos a nova, Sara di que viu como ese frío quedaba atrás, deixando pasar o vento a través dos dedos. Agardamos como auga de maio un 2013 que para o panorama da música alternativa galega semella máis que prometedor, pero de momento o 2012 déixanos algo orfos. Nadadora déixao.

Pero falamos da crónica dunha morte anunciada. Todo podería estoupar. Pero antes de poñernos tremendistas, maticemos. Non falamos de morte, Nadadora síntese viva, pero falta de tempo. Falamos dun cese temporal da convivencia. Algo cansos de pasar a vida co puño en alto. O indie volve á súa esencia: a da lacra amateur, a da que che fai escoller entre seguir coa túa paixón ou adicarte a vivir. O de ter que pagar a hipoteca cun traballo dos que che dá un salario, o de chegar un momento no que seguir perdendo cartos coa música se fai difícil, o de coidar dunha nova vida, cando Sara anunciou o embarazo e os seus amigos estivemos tan felices por ela, a pesar de que sabiamos que o futuro inmediato de Nadadora estaba sentenciado. Pero, sobre todo, o de que outros proxectos marabillosos poñen obstáculos a verse cada quince días para ensaiar e facer cancións.

Nadadora déixao tras, sinxelamente, pasar á pequena historia do pop galego. E en Disquecool lamentamos a perda. Porque Nadadora estaba antes que Disquecool, pero nós xa os queriamos de sempre. Mesmo algunha disquerredactora se atreveu a entrevistalos hai xa nove anos, con tan só unha maqueta pululando entre uns poucos privilexiados, ensaiando con seis persoas en cinco metros cadrados, cando ninguén quería vestir coma eles. Agora, tras tres discos imprescindibles, cun ‘Luz, oscuridad, luz’ como última referencia, sendo un dos mellores LP que pariu o pop galego, a banda acepta que seguir, neste caso, sería unha solución improvisada. Estades a tempo de despedilos nos concertos que lle servirán para dicir adeus ao público galego. O 29 de decembro en Vigo, o día antes, 28, en A Coruña. Como se todo isto non se tratase de máis que dunha broma do destino.

Falando coa banda, porén, néganse a confirmar unha ruptura inmóbil. Segue habendo proxectos, e mesmo novas cancións que terán que quedar na neveira. Entre todo o frío do mundo. Se os ensaios de hai dez anos eran complicados cos membros xuntándose en Ogrobe, sede oficial da banda, tras longas viaxes dende Vigo, Caldas ou Madrid, agora, sinxelamente, xuntarse non era posible e, as poucas veces que se consigue, é máis importante compartir a vida que a música. Pasar unhas semanas entre estudos de gravación e as fins de semana xirando, como aquela tarde xiraba, polos clubes do circuíto independente era xa un soño irrealizable a curto e medio prazo. Aparcadas quedan as vellas ansias de Gonzalo de poder facer un EP integramente en galego, que xuntase a querenza do compositor das letras pola nosa lingua, e cativos como Todo o mundo protesta, Outubro ou O noso espazo tivesen un irmán maior. Pode ser unha escusa perfecta para volver. ¿Verdade que sería estupendo?. Quero recuperar o perdido.

Xa é moi tarde, remata decembro. Pero seguimos aquí, mentres todo o mundo protesta. E sempre no borde, así cada noite, era o que nos gustaba sentir. Por sorte, fican cancións para escoitar 20.000 veces, mentres nos acostumamos ao de sempre. Un non morre mentres a electricidade sigue ouveando en cada óso. Comprendemos, aceptamos. Sentimos as vosas mans tremer, pero sabemos que non poderedes morrer nunca. Andaremos e continuaremos sen Nadadora durante un tempo. Vamos directos cara o sol, colléndolles a man, sabendo que ese é o camiño. Desfacédevos de nós, pero quedádevos sempre preto.

Ata pronto, Nadadora.

Shares

3 comentarios

  • poliptoton di:

    Gran texto, Dr. Chou.
    Unha mágoa, realmente estaban no seu mellor momento.

  • Fotografía de avatar Dr. Chou di:

    O certo e (teclado ingles, non tenho til) que parece que si. A banda esta fastidiada, porque son os primeiros que cren que o cuarto disco ia ser mellor (tamen e certo que todalas bandas din o mesmo, pero bueno).

    Hai porta aberta a un retorno, non sei que realista ou non, pero falamos de alomentos catro anos. Para enton… a saber

  • Fabián di:

    “xuntarse non era posible e, as poucas veces que se consigue, é máis importante compartir a vida que a música” Esta é a vida mesma… :(

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *