O disco da semana: Dalle, de Unicornibot

Dado que o mundo se para durante unhas semanas, mentres todos nos esprememos os miolos pensando xa non en bos agasallos, senón en detalles orixinais que conquisten ás persoas amadas, a industria musical decidiu tomarse ese mesmo descanso. Por saír, nin saen xa eses típicos discos de panxoliñas asinadas por artistas de alta liñaxe, e que este ano tiveron o seu grao de expresión máxima no quíntuplo cd (si, cinco discos dunha tirada, cun par), de Sufjan Stevens. Así que esta quietude será cumpridamente aproveitada por Disquecool para falarvos de discos dos que, sinxelamente, non vos falamos previamente. Xa foran editados hai dúas semanas, ou dez meses. Discos que nos gustaron, e que aínda non vos recomendáramos. E como hai unhas semanas algún lector nos daba unha merecida labazada por ter algo abandonada a escena galega, falarémosvos do noso disco galego favorito este ano.

Unicornibot, a banda pontevedresa de math rock, lanzou xa en marzo o seu segundo disco, ‘Dalle’ (Matapadre, 2012). E falamos dun disco que é un luxo auténtico, un festival de emoción, potencia e enerxía. De descaro e falta de pudor absoluto. Quedou hai xa moito atrás esa especie de complexo de que por aquí este tipo de música non era moi posible. Demos grazas a quen conveña, aos propios Matapadre en gran medida, para que proxectos como o de Unicornibot poidan chegar aos nosos deleitados oídos. Guitarras que acadan certo grao de tolemia e descontrol, de jam session pasada por estudo e afinación. Iso si, Unicornibot peca de defecto en ‘Dalle’, de defecto de minutos, queremos dicir, e aínda que o número de cortes acade os dez, estamos ante o que denominaríamos un ‘Lp polos pelos’, xa que esa distancia oficial que separa os ep dos lp (25 minutos) se atopa escasamente superada.

No fondo, iso importa ben pouco. Do que se trata é de amosar o que tes no tempo que precises para iso. Sexan corenta segundos ou trinta minutos. Cando Abril-Cerral irrompe no teu reprodutor, un esquece axiña tecnicismos, e céntrase en gozar da cadencia dunha composición terriblemente elaborada, moito menos sinxela do que poida semellar, e de talento desbordante. ‘Dalle’ non contén unha soa letra, non existen voces nin son precisas. O discurso vai implícito nun impactante vocabulario sonoro de sobresaliente factura. De feito, o único que realmente nos amola da brevidade de ‘Dalle’ é, precisamente, que cando remata Todos contra el fuego anal, no único que somos capaces de pensar é niso de que “queremos máis”.

A solución está en repetir, en comezar a gozar dos tons agudísimos de Lendakari, continuar pola deliberada falta de delicadeza de Anchoas Castilla e non parar de facelo en ningún dos recunchos do traballo, especialmente cando soan toadas da categoría de Antigua y Bermuda ou Dalle que non mira, nun exemplo de que iso de pararse a buscar títulos de alta sofisticación para as cancións non vai con eles. Algo que, debemos dicir, nos encanta. Pero logo en seguida estamos preto de Gol de Chico, o que nos fai volver a enfrontar os últimos acordes de ‘Dalle’, e tomar a decisión de se tres veces seguidas escoitándoo non será un exceso… a resposta nin se menciona. Darédesvos conta soíños.

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *