Por que deberías aproveitar o Mundial de Fútbol para ler?

Por se vives nun mundo no que non chegan os medios de comunicación ou non usas Google (en serio?), vouche dar unha noticia. O xoves pasado comezou o Mundial de Fútbol 2014. Resumindo: durante o próximo mes, os medios de comunicación estarán colapsados de información sobre os partidos, as diferentes combinacións posibles de enfrontamentos (e o quen odia a quen) e unha morea de artigos que toman o Mundial como escusa para posicionarse en Google News ou para captar a atención dos lectores. Reportaxes sobre a situación en Brasil, análises dos mellores lugares para visitar nas diferentes cidades nas que se celebran os partidos, receitas brasileiras que poderías facer para comer mentres animas ao teu equipo (espero que Bosnia Herzegovina, que este ano chegan por primeira vez ao Mundial e dos que aquí somos fans), etc

world-cup-2014-12-5204175918989312.2-hp

Pero todas esas armas para o mal e o spam nos medios online poden ser empregadas para o ben. Poden ser usadas para facervos ler (que é unha das nosas obsesións, asumímolo). Por que non fas como o L de Google no doodle de hoxe e aproveitas o Mundial de Fútbol para ler? Un libro pode ser a única solución para evitar todo o barullo mundialista que ocupa todos os medios off e online. E un Mundial pode ser a escusa que precisas para facer un reto de lectura. Podes facer un reto de lectura collendo todos e cada un dos países que xogan este ano e facer a promesa de que o 13 de xullo, cando remata a Copa do Mundo, terás os 32 libros lidos. Ou podes aproveitar e seguir a marea de todos os que suman Brasil+Mundial nos titulares aínda que logo falen, que sei eu, da industria zapateira. Podes aproveitar para descubrir a literatura brasileira.

Estivemos en Ciranda, a libraría especializada en libros da lusofonía de Santiago de Compostela, e preguntámoslle que poderíamos escoller para ler de Brasil durante o Mundial. E isto foi o que nos dixeron:

O Cortiço, de Aluísio Azevedo. De verdade: a literatura do século XIX mola, así que esta recomendación chegounos ao corazón. Neste caso, coméntannos, é unha historia dun dos escritores do naturalismo brasileiro, que trata sobre a vida nos barrios populares do Brasil do momento seguindo aos inmigrantes portugueses que chegan a Rio de Janeiro.

Como moitas novelas de máis alá dos anos 30, podedes atopala xa subida na rede.

A casa dos budas ditosos, de João Ubaldo Riveiro. Este xa é un libro “máis contemporáneo”. Foi publicado en 1999 e adaptado ao teatro. Foi publicado nunha serie de libros que abordaban os diferentes pecados capitais (cada pecado tiña unha novela) e este era o da luxuria. O escritor recebe un misterioso manuscrito que conforma as memorias dunha muller de 68 anos que lle confesa que viviu a vida como quixo.

A hora da estrela, de Clarice Lispector. Este título foi a recomendación específica entre os varios da autora aínda que podedes abordar outro da mesma autora. Lispector é un must en calquera lista que se prece sobre a literatura do Brasil do XX.

Rubén Fonseca, unha recomendación de “novela policial”.

Hilda Hilst. Recoñecen os libreiros, ao facer a recomendación, que non é a escritora máis popular que poderían engadir á lista pero, cando nos falan dela, non podemos deixar de concluír que é unha escritora super cool. Escribiu poesía, teatro e ficción e viviu nunha facenda, lonxe das grandes cidades brasileiras e do mundanal ruído, por así dicilo, dedicada á literatura.

Foto Peter Fuchs

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *