Dentro do segredo: un portugués en Corea do Norte

Dentro do SegredoPara que ninguén se leve a engano sobre as súas intencións, na páxina 22 José Luís Peixoto repite dúas veces: “estou en contra de todos os réximes totalitarios e as ditaduras”. Porque se algo levou a este escritor portugués a viaxar a Corea do Norte non foi a admiración senón máis ben a curiosidade.

En abril do 2012 colleu un avión a China e dende alí un avión da moi pouco habitual Air Koryo, que o deixou no aeroporto de Pyongyang. Na cidade comezou o Kim Il-Sung 100th Birthday Ultimate Mega Tour (Ultimate Option), un completo tour turístico de 15 días no que percorrería a secreta – e misteriosa – Corea do Norte. E aínda que antes de embarcar para a súa viaxe tivo que asinar unha sorte de compromiso no que aseguraba que non ía publicar ningún relato sobre o que vira, Peixoto acabou facendo da súa experiencia un libro. E así é como chegou ata nós Dentro do Segredo. Uma viagem na Coreia do Norte, publicado pola lisboeta Quetzal.

Que é o que ten Corea do Norte que consegue fascinar? A súa condición de país pechado, no que non conseguen entrar as influencias de fóra, fai que, inevitablemente, todo o que chega dende alí, dende o outro lado do muro que o separa do resto do mundo, acabe chamando poderosamente a atención.

Nos últimos anos, varios libros conseguiron rachar un pouco co misterio do que se agocha en Corea do Norte, descubrindo un mundo que nos pode parecer case surrealista, como acontece co que nos mostra Guy Delisle en Pyongyang ( a fascinante banda deseñada na que conta as súas experiencias traballando nun estudo de animación norcoreano), ou desvelando os escuros segredos do réxime, como acontece co libro de Barbara Demick Nothing to Envy: Ordinary Lives in North Korea, traducido ao castelán como Querido Líder: Vivir en Corea del NortePor haber ata hai unha serie de novelas policiacas escritas por un antigo espía occidental na zona e protagonizadas por un policía norcoreano. 

As impresións de Peixoto veñen, xeograficamente, de máis preto e parten do mesmo punto do que saíron posiblemente moitas das lecturas dos libros que acabo de destacar, ese interese por chegar a ver como pode ser a vida cotiá nun lugar tan diferente. Peixoto conseguiu unha praza nun dos tours turísticos máis aperturistas (polo tamaño da excursión e os sitios visitados), que se organizaran ata entón. Deixou o móbil na fronteira, como era acostumado; pasou cun libro, O Quixote, como non é acostumado (levouno camuflado na maleta); e encheu uns cantos cadernos con notas do que vía e vivía. E da súa man e das súas experiencias os lectores imos tamén percorrendo Corea do Norte. Aínda que, a diferencia doutros libros máis divulgativos, neste caso o foco está na experiencia do propio escritor no tempo que pasou no país. Dese xeito, os lectores senten tamén a angustia de non poder comunicarse co exterior cando e como quere, a sensación – estraña – de comer carne de can ou o achegamento a unha sociedade tan diferente e á que só se pode un achegar dun xeito tan peculiar.

O resultado final é unha lectura recomendable, un xeito distinto ás crónicas das seccións de política internacional dos xornais serios de achegarse a un dos lugares máis misteriosos do mundo.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará