Kunsthalle: unha experiencia cultural diferente contra a crise

Kunsthalle, Santiago de Compostela

Kunsthalle é un termo alemán que se refire a unha galería de arte que monta exhibicións temporais. E vós preguntarédesvos que ten que ver iso connosco. Tranquilos, este asalto á Wikipedia ten un sentido. Porque, malia o alleo que nos poida resultar o termo a priori, temos un máis preto do que imaxinamos: na antiga cafetería Conga 8, na rúa compostelá do mesmo nome. Así somos de cosmopolitas na capital.

De feito, o noso Kuntshalle non se conforma só con ser unha galería de arte, senón que vai moito máis alá: trátase dun espazo dinámico que ofrece unha experiencia completa, unha sorte de mestura entre arte, música, deseño, gastronomía, deporte, arquitectura, e, sobre todo, diversión. “A idea era crear entre todos un lugar diferente para a cultura”, explica David Barro, un dos “culpables” deste cambio radical que experimentou o emblemático establecemento. Os socios proceden de distintas disciplinas, pero úneos un obxectivo común: salvar a cultura desa especie de caza de bruxas que está a sufrir a causa da crise. “A cultura ten que ser quen de autoxestionarse, de crear novos modelos de actuación sen depender de subvencións públicas. A crise económica non pode acabar con ela”.

Definido xa o proxecto, unha oficina semellaba demasiado fría. “Nós somos máis de bar”, bromea Barro, quen lembra que “antes, as exposicións xestábanse nos bares, non nos despachos dos conselleiros”. Kunsthalle vai na liña doutros espazos de arte contemporánea que alberga a capital galega, pero cun plus: acabar con ese “medo”, con eses prexuízos que teñen algunhas persoas á hora de acceder a un museo ou a unha galería. Aquí, a arte achégase á xente, que pode apreciala de xeito espontáneo, case improvisado, mentres toma un café ou escoita boa música. En palabras de Barro, toda “unha experiencia estética contemporánea”. Porque unha exposición non ten por que ser algo estático ou aburrido. Os promotores deste proxecto queren romper con esa idea de museo coma mausoleo, coma un lugar no que a xente contempla unha obra e marcha. “Queremos facer de Kunsthalle un espazo dinámico, no que ocorran cousas; que sexa en si mesmo un caldo de cultivo para a cultura”.

Kunsthalle, Santiago de CompostelaAsí, quen se achegue ata alí nestes días poderá apreciar o traballo, realizado expresamente para o local, de artistas como Carlos Maciá, Alain Urrutia, Suso Fandiño, Jorge Perianes ou Misha Bies Golas, así como unha exposición individual de Álvaro Negro. Todo en Kunsthalle invita a gozar da arte, desde o vermello intenso das columnas ubicadas na planta superior, as inscricións nas escaleiras, as alegres pinturas das paredes, os paneis de luz ou as videocreacións que “adornan” os lavabos.

Na programación musical, a tónica será a variedade, se ben se lles dará protagonismo aos sons contemporáneos. Malia que haberá música en directo, o establecemento non está deseñado para ser un espazo de concertos. “O máis importante é como relacionar a música co local -sinala Carlos Montilla, outro dos socios-. Non queremos que os músicos veñan só a cantar e marchen. Queremos coñecelos un pouco máis, fusionar ambos mundos, o artístico e o musical”. A gastronomía será outro dos eixos de actividade. Ofrecerase unha cociña moi vinculada a Galicia, pero sen deixar de recoller influencias doutras culturas. “Será un produto da terra, posto ao día, cun toque de picardía”, explica Alén Tarrío. Como todo neste local, a carta será moi dinámica: cada día irán ao mercado e segundo os produtos que atopen irán improvisando os menús. En Kunsthalle tamén ten cabida o deporte, ao que se aproximará dun xeito moi especial, co espazo “O deporte con Xoán Barro”, mítico xornalista de TVE que conducirá algúns dos principais acontecementos deportivos en vivo desde o propio local.

Como vemos, as posibilidades son infinitas neste “contedor” cultural no que Kunsthalle está chamado a converterse. E na transición da antiga Conga 8 ata o que é hoxe tivo moito que ver o arquitecto José Valladares, encargado da reforma, na que a prioridade foi facer os espazos agradables para a xente. “Como en ‘O gatopardo’, trátase de cambiar todo para que todo siga igual”. Aí discrepamos. Kuntshalle é diferente.

Fotos | Lucía Turnes

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará