Unha exposición de nostalxias escritas a máquina

Precisamente cando a última fábrica de máquinas de escribir do mundo, situada en Bombay, vén de anunciar o seu peche, a Cidade da Cultura, case intuíndo o anunciado final deste aparato que respondeu á necesidade do home de comunicarse, organiza a exposición ‘Typewriter. A historia escrita á máquina. Colección Sirvent, co obxectivo de reflexionar sobre o papel deste instrumento na historia contemporánea.

Hoxe substituídas por ordenadores e incluso por tablets e teléfonos móbiles, as máquinas de escribir seguen espertando en nós certa nostalxia, a pesares de que varias xeracións -entre as que esta redactora se inclúe- apenas chegaron a experimentalas. Como xa che comentamos, son pezas imprescindibles para un hipster que se prece, pero o certo é que case ninguén pode resistirse aos tac, tac, tac, ao tacto do papel, a esas teclas tan duras ou ao son do carro pasando dunha marxe á outra.

Detrás desta mostra hai unha historia moi fermosa, a da familia Sirvent. Alfredo é un dos comisarios da exposición. O seu pai abriu un obradoiro de reparación e venda de máquinas en Vigo en 1940 e comezou a facerse cunha colección que posteriormente os seus fillos completaron ata xuntar 3.500 pezas, das cales 2.500 están preparadas para o seu normal funcionamento a partir dunha restauración rigorosa.

Na Cidade da Cultura atoparás unhas 140, un “universo de mecanismos e teclados, a partir de orixinais acabados que proxectan os gustos de cada época e as capacidades industriais que lles deron sentido”, tal e como explican no folleto da mostra, e que xuntas achégannos unha reflexión sobre a revolución que estás máquinas supuxeron para as comunicacións, as relacións sociais, o deseño gráfico e mesmo o mundo laboral, analizando aspectos como a súa relevancia no acceso da muller ao traballo.

A exposición parte da emblemática Sholes&Glidden (1873), coñecida como The Type Writer, a primeira máquina de escribir que se fabricou de forma industrial e que traballaba unicamente con maiúsculas. E de aí a máquinas con exquisitas decoracións en ouro e nácara, pezas que semellan instrumentos musicais, que imprimen de atrás cara adiante, con cilindros impresores en vertical, e un longo etcétera.

Cada máquina ten a súa historia, e ao longo da exposición podemos descubrir curiosos aparatos, como máquinas silenciosas, con trípode e atril lateral para o seu uso no exterior, con teclados en cores para facilitar a aprendizaxe dos nenos, para escribir textos cifrados utilizadas por exércitos e oficinas diplomáticas, que escriben partituras, e incluso unha fermosa Toshiba que recolle nada máis e nada menos que os 1.162 caracteres do xaponés. Tamén podemos admirar un exemplar da Royal Quiet De Luxe Gold, o mesmo modelo que Ian Fleming, o autor das novelas de James Bond, posuía.

Máquinas que nos fan soñar e que, dependendo da idade do visitante, traen máis ou menos lembranzas. “Eu tiña a Olympia, pero con dobre carro”, irrompe unha visitante de avanzada idade, que ten que explicar ao seu neto o funcionamento deste sistema.

A mostra tamén pon á túa disposición unha peza para que poidas descubrir ou redescubrir a sensación de escribir a máquina. Disquecool non puido resistirse, e como é filla das novas tecnoloxías, tivo bastantes problemas para pulsar as teclas correctamente e esqueceuse de facer avanzar o papel, polo que acabou escribindo unha liña por riba da outra.

Entre tantas máquinas, tamén poderás descubrir carteis publicitarios, como o da ‘rapidísima Hispano-Olivetti’, fermosas caixas orixinais de fitas de escritura e obras de artistas contemporáneos en torno a este aparato.

Mentres remato este texto penso na imaxe que temos dos xornalistas de antes, fumando e golpeando as teclas con forza, así que imaxino, e pídoche que do mesmo xeito o fagas ti, que este punto final soará cun elevado e profundo TAC.

* A mostra ‘Typewriter. A historia escrita á máquina’, poderá visitarse ata o próximo 10 de outubro na Cidade da Cultura.

Fotos | Andrés Fraga

Shares

3 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *