A Unión Soviética esperta unha sorte de estraña fascinación entre todo o mundo, agora que estamos a piques de asistir ao 23 aniversario da súa disolución. Se cadra é pola súa dramática historia. Se cadra polo misterio que aínda queda do que durante tanto tempo estivo do outro lado, o estraño. Ou se cadra porque á caída da URSS podemos sumar unha avalancha de espazos abandonados, esquecidos, que teñen ese atractivo do secreto e do misterioso que nos leva a viaxar onde non queda ninguén ou a ir a parques de atraccións nos que ben se ve que non poderemos montar en nada. Os espazos esquecidos da vella Unión Soviética e da súa esfera de influencia teñen ese (sinistro) encanto do que ademais sempre estivo prohibido: lugares de espionaxe, misteriosas estacións militares ou secretos pobos xurdidos do medio da nada foron abandonados á súa sorte do mesmo xeito que monumentos aos caídos xa non interesantes, hospitais que caeron co paso dos anos ou parques de atraccións en zonas que ninguén debería pisar máis.
Rebecca Litchfield é unha fotógrafa que seguiu a chamada de todos eses lugares fascinantes e se lanzou a capturar en imaxes os restos do fracasado imperio soviético. E, como unha viaxe destas características merece, Litchfield percorreu Rusia e os outros restos do vello bloque do Leste intentando manterse ao marxe da burocracia e dos sendeiros trazados para turistas, seguindo as normas que se aplican a aqueles que se adentran nos lugares esquecidos polos humanos e nos que non sempre se pode entrar, digamos, legalmente. “Non moitos exploradores viaxan a Rusia, onde as normas son moi diferentes, os lugares están fortemente vixiados e existe aínda unha forte presenza militar en todas partes”, explica Litchfield. “Ser collido ten consecuencias serias”. E por certo que ela ben o sabe porque foi descuberta durante algunha das súas exploracións (e pasou un tempo – e un pouco de medo – nun centro militar ruso tras ser sorprendida).
O que veu – intentando manterse como unha espectadora neutral e non intentando que a historia e o que coñecía da Unión Soviética influíse en como vía e se achegaba aos espazos – converteuse nun libro de fotografías, Soviet Ghosts, que unha editorial británica acaba de poñer no mercado. No libro poden verse as – xa clásicas – imaxes de Pripyat, o pobo fantasma da central nuclear de Chernóbil, pero tamén espazos esquecidos como un monumento soviético en Bulgaria e diferentes espazos de vida (civil ou non civil) en países como Croacia, a vella Alemaña do Leste, Hungría ou Rusia (por poñer só uns exemplos). Dende un piano esquecido no medio dunha sala baleira ata unha estación espía perdida no medio da nada.
E, como é habitual, teñen ese certo toque poético do que está completamente dilapidado. Litchfield é unha habitual nas incursións en edificios esquecidos. Comezou hai dez anos, cun vello sanatorio victoriano, e dende 2012 captura en fotos o que ve. “Estou obsesionada co decadente e abandonado, quen sabe en que pode derivar iso”, confesa. “Amo que eses lugares sexan como museos non vistos polo público e capturar a súa beleza antes de que sexan perdidos é unha sensación marabillosa, a emoción e a historia capturada nas fotos sempre fai que a xente as admire”.
Soviet ghosts está en Amazon, aínda que tamén o venden na web da editorial
Fotos (c) Rebecca Litchfield, cortesía Carpet Bombing Culture