Lembrades aquel programa de La 1 que tivo tanto éxito alá nos 90 e que buscaba por todas partes aos desaparecidos? ¿Quién sabe dónde? era un fenómeno masivo, no que a xente ía contar as súas historias (tristes) de familiares perdidos e un equipo de xornalistas (nos tempos anteriores a internet, non o esquezades) eran quen de atopalos. Pois resulta que o que facían en ¿Quién sabe dónde? en realidade non era tan novo. Iso xa o facían os comunistas alá polo período de Entreguerras aínda que, neste caso, a súa historia é moito máis amistosa e lixeiramente cuqui. E eles, por certo, só buscaban nenos.
A historia dos comunistas que atopaban os nenos perdidos é unha parte mínima da exposición que na Fundación Mapfre, en Madrid, lle están dedicando ao clásico do fotoxornalismo Henri Cartier-Bresson (quedan uns poucos días para ir vela fisicamente, pero sempre podedes botar man da exposición virtual). Cartier-Bresson foi un home con conciencia política, especialmente nos anos 20 e e 30, e traballou para a prensa de esquerdas. Un dos medios nos que colaboraba era o xornal Ce soir, que era un vespertino creado nos anos 30 polo Partido Comunista francés (e no que colaboraban algúns dos mellores fotógrafos do momento) e coa vontade de ser popular e chegar ás masas.
Para eles – e como se pode ver na exposición de Mapfre -fai moitas fotos tamén Cartier-Bresson, como as que toma da coroación de Xurxo VI en Londres (moi divertidas: a xente ponse de costas ao desfile para poder velo mellor) e as que conforman Le mystère de l’enfant perdu, que como explican nos paneis da exposición non ten tanto de misterio nin de neno perdido como a tradución literal da serie de fotos pode levar a pensar.
O fotógrafo publicaba con certa regularidade unha serie de fotos de nenos, supostamente atopados nas rúas de París, para que os pais puidesen recoñecelos. Os nenos, por suposto, non estaban perdidos, pero a idea permitía xogar con moitas cousas. Por unha banda, ían vender máis xornais (xa vedes, entre a prensa comunista da época das vangardas e os suplementos de vida social dos xornais locais non hai tantos grados de separación) porque os pais que recoñecían ao neno levaban unha recompensa de 200 francos cortesía de Ce Soir. Pola outra, a foto, o neno e que Ce Soir o atopase tiña un efecto sobre a percepción que os lectores tiñan do Partido Comunista (señoras, señores, foi o Partido Comunista francés o que o atopou!, o que é lixeiramente trapalleiro e lixeiramente riquiño… e nada recomendable para partidos políticos do século XXI: como poñen nalgúns anuncios, non se debe intentar copiar na casa).