Ikea, internet non perdoa


Todos o sabemos, internet non perdoa. Pode que sexa un incidente menor, ou unha gran metedura de pata, pero como comece a dar voltas por internet, é imparable. Ben sexa polo síndrome de Barbra Streisand, porque algún famoso fale de ti, por unha mala coincidencia ou por que Xúpiter se cruzou con Venus, o certo é hai erros que viaxan de pantalla en pantalla deleitando á maioría, e producindo insomnio nalgún que outro implicado.

A última protagonista dun episodio de “mememización” é a famosa casa sueca de mobles económicos. Logo de que saltase a noticia de que o catálogo de Ikea en Arabia Saudita borrara a todas as mulleres das fotografías, as críticas chegáronlle de todos os lados. Medios de comunicación de todo o mundo difundiron a noticia e ata varias ministras suecas protestaron pola discriminación que supuña tal manipulación.

Pero internet tiña gardado algo mellor para Ikea. O mesmo día que se difundiu a nova do retoque dos catálogos, internet comezou a encherse das súas propias versión “Ikea Arabia Saudita” da historia. Simplemente basta con recortar as mulleres de fotografías e cadros clásicos e substituílos por mobles de Ikea.

O resultado aglutínase en “I(kea) Got 99 Problems But a Bitch Ain’t One” que recolle as mellores achegas dos ávidos internautas, e que dá para pasar un bo rato sen esquecernos do triste da orixe da historia. O máis peculiar pode ser que se critique a unha empresa sueca por ese erro, pero non se diga nada sobre unha sociedade que criminaliza ás mulleres polo mero feito de selo. Será cousa do petróleo, que fai desaparecer as cousas.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará