A primeira vez que David Bisbal meteu a pata en Twitter (e si, o pobre home xa o fixo en máis de unha ocasión), algúns internautas avezados xa lle diagnosticaron un mal. O pobre de Bisbal sufría do síndrome de Barbra Streisand.
O síndrome non é unha enfermidade como tal, pero si un elemento a evitar e sobre todo a nunca sufrir cando se ten presencia na rede. As redes sociais non o fixeron máis que… un pouco máis sinxelo de contaxio.
A historia comeza con Barbra Streisand, de aí o nome. A cantante demandou a un fotógrafo por facer unhas fotos da súa casa e invadir a súa intimidade. Barbra montou un escándalo tal (as súas reclamacións non eran tampouco de todo xustas) que internet (así, ao grande) acudiu ao rescate do fotógrafo. A imaxe da casa da cantante e actriz foi publicada masivamente na rede, multiplicando case ata o infinito a visibilidade da mesma e eliminando calquera posibilidade de borrar para sempre a imaxe. A Streisand perdeu, gracias a súa mala xestión dunha crise, a posibilidade de ocultar por sempre xamais a súa casa.
O síndrome de Barbra Streisand é iso: algo que alguén quere ocultar e que, por unha mala xestión da comunicación en rede, dase a coñecer máis que nunca. Foi o que lle pasou a David Bisbal: o seu “as piramides de Exipto están moi pouco transitadas” é xa un clásico da rede. O cantante publicou no seu Twitter semellante afirmación… cando Exipto estaba no medio da revolta. As críticas non tardaron en chegar e Bisbal borrou o tweet. Erro. Os pantallazos e os retweets empezaron a xurdir cal flores na primavera. Bisbal convertiuse en trending topic e na víctima máis recente e coñecida do efecto Streisand.
Casos hai moitos: a foto das fillas de Zapatero, subida por error a Flickr e borrada demasiado tarde, foi outro. Nestlè, que fixo borrar do YouTube un vídeo crítico made in Greenpeace, veu como a rede repicaba ata o máis alá que usaban un aceite para o KitKat que estaba a acabar co ecosistema dunha especie en perigo.
O efecto Streisand é perigoso… e pouco querido. Para non enfermar só hai que asumir, ademais do que se fai ben, o que sae mal.
Foto: Wikimedia Commons
2 comentarios