Últimos días para presentar os teus proxectos creativos ao II Off Culturgal

Aínda estás a tempo de presentar o teu proxecto ao Off Culturgal, a segunda edición deste encontro informal e dinámico para xente creativa que Disquecool organiza no marco da Feira das Industrias Culturais de Galicia, Culturgal, que se celebrará a primeira fin de semana de decembro. Se tes unha idea, un proxecto ou un traballo que queres presentar, non deixes pasar esta oportunidade! O prazo remata o próximo mércores, 31 de outubro.

Este ano o Off Culturgal intégrase por completo na feira: as presentacións terán lugar no propio Pazo da Cultura, polo que terás a oportunidade de dar a coñecer os teus proxectos e ideas nun marco excepcional. O formato tamén presenta algunha novidade. Nesta segunda edición, que leva por título ‘Off Culturgal: 99% Creatividade’, 9 participantes terán a posibilidade de amosar o seu traballo durante 9 minutos de presentación (6 minutos de intervención + 3 minutos de preguntas do público). Cada presentación terá que construírse con 18 diapositivas, de 20 segundos cada unha.

Esta é unha pequena variante do formato PechaKucha empregado o ano pasado, que orixinalmente é de 20 imaxes de 20 segundos cada unha.

Seleccionamos os proxectos máis innovadores e inspiradores de calquera ámbito da creación: deseño (de produto, web, de moda…), edición, audiovisual, ilustración, música, proxectos sociais, arquitectura, fotografía, arte, gastronomía… O máis importante é ter unha boa idea, crer nela e saber comunicala.

Lembra que para participar podes enviar a túa proposta a  lucia@disquecool.com, incluindo unha breve descrición do proxecto e 4 imaxes ou diapositivas das 18 que presentarías.

A través deste encontro Disquecool e Culturgal buscamos darlle unha oportunidade de difusión a novos creadores, novas ideas e propostas do ámbito galego, pero aínda que o proxecto é a base, a capacidade de transmitilo e a adaptación ao formato establecido é fundamental.

As propostas poden enviarse ata o 31 de outubro. O 5 de novembro publicaranse os proxectos seleccionados.

Tes máis información aquí, e se aínda así quedas con dúbidas podes poñerte en contacto con nós en lucia@disquecool.com ou en info@disquecool.com

 

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará