A balea negra: o petróleo que move o mundo

Less oil more courageO 13 de novembro de 2002 afundiuse o Prestige e ese mesmo día abriu o museo de Arte Contemporánea de Vigo. Agora, o proxecto expositivo “A balea negra” celebra o décimo aniversario do MARCO recordando o accidente do Prestige a través de diversos documentos e obras artísticas.

Máscara HazouméPero a exposición vai moito máis alá do caso concreto, a través dun artellamento conceptual (e físico, mediante a inquietante escultura que xira no centro do espazo expositivo) en torno ao petróleo. O oro negro, protagonista de filmes, guerras e desastres ecolóxicos. O tema amplíase aínda máis para abordar temas relacionados como poden ser a explotación da natureza, o legado do colonialismo, a globalización…. pero o máis interesante é o que se mantén achegado ao petróleo é a súa natureza esvaradía, fluente e violenta.

Atopamos en “A balea negra” moitos documentos máis próximos ao xornalismo que a arte, con fotografías de desastres naturais, recortes de xornais (sobre o afundimento do Prestige e  doutros petroleiros anteriores ou os movementos contra a instalación de petroleiras en diversos países), panfletos e vídeos que farán que non nos deamos de conta de que o MARCO está a piques de pechar (como o de Ursula Biemann sobre un oleoduto do Caúcaso e como ese elemento afecta aos habitantes da zona).

Tamén atoparemos algúns leitmotiv que se repiten nas obras de diversos autores, como o poder cinematográfico dos desastres petrolíferos (véxase o documental hipnótico dos incendios aos pozos de petróleo en Kuwait, acompañado de música de ambientación), a relación entre petróleo e colonialismo (coas xeniais máscaras de bidóns de gasolina de Romuald Hazoumé) ou a tópica, pero non por iso menos poderosa, imaxe de animais recubertos de chapapote (nas esculturas de Mark Dion ou nas pinturas de Antón Patiño).

Mark Dion A balea negra

“A balea negra” é unha exposición irregular pero na que podemos sen dúbida atopar interesantes reflexións sobre o fluxo de petróleo como explicación metonímica do mundo moderno. Ademais de atopar unha mostra variada de documentos que axudan a rememorar o desastre do Prestige e as súas implicacións.

Fotos | MARCO

Shares

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *