Cada día, o vigués Pablo Osorio sube á súa Vespa do ano 1961 para ir a traballar. Estes vehículos clásicos son a súa paixón. Tamén as instantáneas de fotógrafos como Virxilio Vieitez, Ramón Caamaño ou Catalá Roca. Nunha visita a Madrid coñeceu a experiencia do Arquivo Fotográfico de Madrid, que se nutre das imaxes que xente anónima achega para crear un arquivo virtual, e todo cobrou sentido: tiña que unir os seus amores. Así que propuxo aos seus amigos do scooter club Vespeinados que lle fixeran chegar fotografías súas ou dos seus familiares relacionadas coas Vespas ou Lambrettas, “fotos das que dormen en albumes ou caixas no faiado”. Chegaron as primeiras e a idea espallouse por outros clubes galegos, talleres, fotógrafos e particulares. Desde mediados de setembro todas esas imaxes contan historias na web Cualquiertiempopasado, un espazo para visitar en Vespa ou en Lambretta no que coñecer relatos con reminiscencia vintage, momentos que merecen a pena ser lembrados.
Cualquiertiempopasado fai un percorrido, a través das fotografías achegadas por particulares, pola historia destes vehículos clásicos en Galicia, desde os anos 50 á década dos 80. “Empezamos nos 50 porque foi a década na que aterrou a Vespa en España e en Galicia, e rematamos nos 80 coas carreiras de velocidade que se celebraban en diferentes circuítos urbanos, porque coa súa desaparición consideramos que se deu por rematada a etapa clásica destes scooters na nosa Comunidade”, explica Pablo. Cada Vespa e Lambretta ten moito que contar. O primeiro, a historia dos seus donos ou das persoas que posan vestidas de domingo sobre elas. Pero tamén son testemuñas dun tempo, dos costumes dunha época, do devalar dos anos nunha vila ou cidade. En case todos os momentos importantes están aí: nas festas e romarías, nas vodas, nas estampas que se enviaban desde a emigración aos familiares que quedaban en Galicia. E sobre as súas rodas sucan os camiños curas, fotógrafos, veraneantes, traballadores, mulleres que sentan de lado, como mandaba o protocolo, e vespistas románticos que optaban por este vehículo para coñecer mundo na súa lúa de mel.
As fotografías foron tomadas en distintos puntos de Galicia: A Estrada, Ourense, A Lama, Vilagarcía de Arousa, Ribadavia, Carballo… pero sobre todo abundan as localizadas na zona de Vigo. Non en van, o terceiro concesionario oficial de Vespa aberto en España, despois dos de Madrid e Barcelona, foi o de Vigo nos anos 50, da man de Luis Kaifer, un home que xa posuía outros negocios relacionados coa automoción na cidade. Imitando o modelo italiano de promoción, o empresario creou o Vespa Club Vigo, un espazo cun claro compoñente lúdico e social que propoñía actividades e excursións, e que a mediados dos anos 60 rondaba os 300 socios. “Hai que ter en conta que a Vespa era o medio de locomoción máis barato e fiable da época. Por aquel entón custaba unhas 18.000 pesetas, o soldo de todo un ano dun oficinista”, aclara o impulsor deste proxecto.
Para Pablo é difícil escoller a súa favorita de entre todas as fotografías e as historias que recollen. “Cada unha delas ten o seu aquel. Está por exemplo a do que nos chamamos o ‘Leiqueiro Misterioso’, un fotógrafo corpulento e con bigote que a finais dos 50 e principios dos 60 ía de festa en festa e de romaría en romaría retratando á xente, ben na súa Vespa, ben cun sombreiro mexicano que el mesmo levaba. Como este home non selaba as súas fotos, hoxe non sabemos o seu nome, pero as súas instantáneas chegaron ata nós a través de tres doadores diferentes: da miña propia nai nas festas de Coia, do pai de Nacho Mirás nas festas de Lavadores, e do pai de Juanito nas festas de Santa Marina de Cabral”. Aínda así, este vigués nostálxico das scooter clásicas confesa que se tivera que elixir unha quedaría coa reportaxe de voda de José Carlos González Moreira e María del Carmen del Río, con quen compartiu varias tardes de faladoiros este verán.
Polo momento, Cualquiertiempopasado conta cunhas 100 historias das 600 que teñen documentadas. “Decidimos saír só cun cento delas para non emborrachar á xente. Agora, a partires do lanzamento da web, publicaremos tres ou catro fotografías semanalmente para que ninguén perda o fío”, explica Pablo. Ademais das fotografías, a web conta cun espazo denominado Garaxe, que reúne obxectos vintage relacionados co mundo das Vespas e as Lambrettas, como revistas e bandeirolas dos clubes galegos. A colección de imaxes e obxectos é só “o comezo dun paseo” que acaba de iniciarse, xa que a intención é dar vida a un proxecto máis amplo a través da sección Magazine, na que participarán diversos colaboradores coa publicación de artigos e reportaxes con aires retro e vintage de diferentes temáticas: arte, moda, deseño, fotografía, gastronomía, música… “Todo isto ben remexido conforma un novo planeta de nostalxia que quere recuperar iso que nos fai sentir ben: ‘Cualquiertiempopasado’ cargado de anécdotas e lembranzas”.
Fotos | Cualquiertiempopasado
Estimada Lucía y amigos de DISQUECOOL, el motivo de este comunicado es indicaros que desde el pasado fin de semana, el ARCHIVO FOTOGRAFICO DE LAS VESPAS y LAMBRETTAS DE GALICIA se desvinculó completamente tanto del dominio CUALQUIER TIEMPO PASADO, como de sus redes sociales y contenidos.
El proyecto de RECUPERACION DE LA MEMORIA FOTOGRAFICA de estos scooters en Galicia, se ha visto obligado a mudarse a un nuevo dominio, donde os esperamos con los brazos abiertos:
http://www.miabueloteniaunaigual.es
y también aestos perfiles…
FACEBOOK: http://on.fb.me/QtAXQR
TWITTER: http://bit.ly/RFASrT
CUALQUIER TIEMPO PASADO (en su versión web hoy inactiva y en sus perfiles sociales) tiene un nuevo administrador de contenidos, del que nos desvinculamos completamente.
En este sentido, pediros disculpas por los inconvenientes ocasionados.