3 reis galegos que terían dado grazas de poder abdicar (pero que acabaron como o rosario da aurora)

Isto é un deses artigos que sacan todos os medios para aproveitar o tirón da noticia do día. Esa clase de artigos que fan que, por exemplo, un medio económico super serio aproveite a semana dos Oscar para analizar o impacto económico que os premios teñen nas películas ou que intente posicionarse en Google con ‘alfombra vermella vestidos’ falando de como as actrices conseguen afundir ou levantar unha marca de moda. Así que hoxe nós tiñamos claro unha cousa: tiñamos que escribir sobre a abdicación do rei Juan Carlos. Pero que? Como? Que facer para conseguir facernos con tráfico polo tema do día?

Despois de moito pensar, velaquí está a resposta. Un profundo repaso a todo o aprendido en anos de Coñecemento do Medio e un agradecemento a Galicia sueva, de Camilo Torres, permiten facer esta lista dos reis que tiveron un final moito máis chungo que a abdicación na historia de Galicia. Se vos impresiona que só 3 reis de Galicia acabaran como o rosario da aurora pensade que tampouco é que houbera moitos máis na historia de Galicia.

Requiario, rei suevoRequiario. Os reis suevos son os máis molóns porque teñen unha historia así rollo salvaxe, levábanse non moi ben cos nativos e posiblemente non se bañaban (eu teño o plan vital – un de tantos que teño – de escribir un mega best seller que será como Xogo de Tronos pero con reis suevos e retirarme coas ganancias). Requiario foi o terceiro rei suevo e o anterior a unha época de escuridade e misterio da que non sabemos moito. Requiario estivo a guerrear pola Península adiante e, claro, acabou como o rosario da aurora. O rei visigodo Teodorico II (que era o seu cuñado!!) conseguiu penetrar no reino suevo, tomar a capital (Braga) e chegar a Porto. Alí estaba Requiario que intentara fuxir por mar pero que non puido zarpar por culpa dunha borrasca. Adiviñades que pasou? Foi degolado. Claro que era alá polo 456 e os costumes eran outros.

Eborico. Outro rei suevo de tráxica historia. Era o fillo e herdeiro de Mirón (o rei suevo máis popular) e sucedeuno cando este morreu (e xa veredes que é unha morte medieval moi digna de best seller) por beber augas “infectas” no sur de España, durante unha campaña militar. O pobre Eborico era demasiado novo cando chegou ao poder e decidiu seguir coa política do seu pai (rollo: sexamos amigos dos veciños visigodos para que non nos fagan mal), o que non gustou a todo o mundo. Un nobre suevo, Andeca, que estaba prometido coa irmá de Eborico deu un golpe mestre de política de best seller medieval: depuxo ao pobre rei, pasou da prometida e casou coa nai, viúva do rei anterior (e máis popular). O pobre Eborico tivo que marchar para un mosteiro, alá polo século VI. Andeca acabará logo en prisión e o reino suevo desaparecerá para sempre.

Garcia de Galicia– García de Galicia. O pobre home super tráxico que serviu para que lle fixeran libros, traxedias e cousas así (imaxinade o filón que era no Romanticismo e similares!, o certo é que visto así tampouco lle dedicaron tanto material), breve conto en verso de Victor Hugo incluído.

Non reinou máis de seis anos, alá polo século XI. Herdou a coroa do seu pai, Fernando I, que repartiu Castela, León e Galicia entre os tres fillos. Galicia tocoulle ao pequeno. Pero os seus irmáns non estaban moi conformes co reparto da torta e acabaron guerreando con el. García acabou preso por un dos irmáns (previo paso polo exilio en terras máis soleadas) e morreu en prisión dunhas febres.

Imaxes Wikipedia

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *