[Disquefesta] Razón 9: Levar moitos agasallos

Como o Nadal antes de tempo

Unha das cousas que máis nos gustan das festas son os agasallos. O Nadal é unha época para facelos e recibilos, o verán é a época na que hai moitos aniversarios e, aínda que lamentamos todas esas datas comerciais que inventan as marcas para que merquemos cousas, unímonos a todas. Por iso, na Disquefesta, imos ter unha chea de agasallos. Seremos como o Nadal en pleno setembro. 

Dádelle por iso as gracias ás marcas que colaboran con nós. Kalandraka, Xerais, Rinoceronte, Punto G, Kling, Le marché de Rachel, Oitenta, Patty Difusa, O Gato Cósmico e Laconicum son as entidades colaboradoras da primeira edición da Disquefesta. Todas elas cederon algúns dos produtos do seu catálogo para que poidamos compartilos con vós en forma de galardón das diferentes probas nas que poderedes participar.

Así temos, por exemplo, ‘O clan do oso cavernario’, o best-seller que trae ao galego Punto G; ‘As rapazas de Xan’ ou ‘En vías de extinción’, de Xerais; ‘Mal de pedra’ ou ‘O señor Ibrahim e as flores do Corán’, de Kalandraka (ademais dunha chea de libros para nenos que teremos que facer un gran esforzo para non nolos quedar) e ‘Oito minutos’ ou os últimos títulos de novela gráfica de Rinoceronte. E o mellor desta lista é que son só algunhas das obras que nos cederon estas editoriais. Aínda hai máis.

Tamén temos uns fabulosos bolsos cortesía de Le marché de Rachel ou un colgante retro de Patty Difusa, unha das primeiras marcas das que escribimos en Disquecool. Non só falamos de letras e moda; tamén nos gusta a cosmética e Laconicum cedeu unha caixa misteriosa con algúns dos seus produtos para sibaritas. Caixas misteriosas temos unhas cantas. O Gato Cósmico tamén nos entregou un kit cósmico, con algunhas das cousas cool que teñen na tenda (e si, tamén unha lámpada que non é tal, como xa vos adiantaron no Facebook). E Oitenta engade á lista de cousas molonas que non son para ti senón para a túa casa, como a súa percherona ou os seus xeniais colgadores (e tamén son só un exemplo).

Se a sorte non está da túa parte e non consegues ningún destes regalos, non desesperes. Sempre podes autoagasallarte con unha das disquebolsas ou unha das chapas de edición exclusiva. Como supoñemos que xa saberedes, os autoagasallos son sempre os mellores agasallos.

Estade atentos a Facebook e a Twitter porque aí imos poñendo as fotos de todos estes produtos

Foto | Zyllan (Pasaje Moda)

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *