Gula Galega Gourmet: delicatessen na túa porta

Gula Galega GourmetMarmelada de grelos, licor café artesanal, leite fresco ou as maruxas de nata son só algúns dos produtos que podes atopar en Gula Galega Gourmet: unha tenda online centrada nas delicatessen da terra na que só por botar un ollo un cae de pleno no terceiro pecado capital.

É un proxecto de tres amigos coruñeses que descubriron na alimentación gourmet un nicho de mercado por explotar: “Había outras tendas online con este tipo de produtos, pero non se movían moito, e ademais ofrecían artigos que podes comprar no supermercado. Nós centrámonos nun segmento medio/alto, con moita variedade e produtos difíciles de atopar”, explica Sergio Eceiza, un dos artífices, xunto con Abel Cameselle e Toni Carracedo. A idea levábana meditando desde hai tempo, pero a tenda saíu finalmente á luz a finais do mes de maio. 

Que ofrece Gula Galega Gourmet? Produtos 100% galegos, en gran parte de produción ecolóxica (o obxectivo é moverse cada vez máis nesta dirección), e que teñan unha imaxe un pouco diferente. Así, vemos que moitos dos produtos á venda poderían englobarse no concepto do cool packaging, coma o leite de vaca Cortes de Muar ou as conservas Artemar. Ademais, son produtos difíciles de atopar mesmo no país, polo que recorrer a Gula Galega Gourmet pode supoñer un aforro considerable de tempo e enerxía. Os produtos viaxan directos á túa porta! (en 48 horas).

Aínda que sacar conclusións en setembro sobre o éxito de algo é moi complicado, desde Gula Galega Gourmet móstranse bastante satisfeitos: “Desde o principio tivemos pedidos, o que resulta bastante motivante”.  O cliente medio é eminente urbano, de idade media, e acostumado a comprar por Internet. Ademais, teñen xa claro que aínda que están vendendo bastante en Galicia, onde comezan a facerse un nome, o groso da súa venda estará en grandes cidades de España coma Madrid ou Barcelona.

Polo momento están funcionando moi ben artigos coma a xenebra monodose Chic, os produtos lácteos frescos, e as conservas Artemar e Los Peperetes. De cara ao Nadal esperan aumentar á venda de viños variados (Rías Baixas, Valdeorras, Monterrei, Ribeira Sacra, Ribeiro…).

Esta tenda online ten un deseño claramente cool, aínda que en Gula Galega Gourmet non parecen moi convencidos co resultado: “Queríamos coidar o deseño, e gustounos a idea de buscar un aspecto retro, inspirado nos anos 60, pero quizais á larga aburra un pouco, así que estamos pensando en dar un cambio completo”.

O que está claro é que Gula Galega Gourmet nos dá fácil acceso a unha serie de produtos deliciosos que apostan pola calidade e por unha maneira diferente de facer as cousas. Así que remato este post como o comecei, coa boca feita auga.

Shares

    5 comentarios

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *