Cool Packaging: Cortes de Muar

Cool Packaging: Cortes de Muar - Disquecool

Marela, Morena, Marquesa e Mimosa son as raíñas dunha corte moi especial. Despois dunha xornada nos verdes campos recóllense nos seus apousentos para muar e muar. E que contan? Ataviadas coas súas mellores galas, estas vacas galegas presumen de queixos suaves e cremosos, os que se fabrican na súa residencia, as Cortes de Muar.

Este nome con tantos matices agochados é a marca que vén de lanzar ao mercado unha pequena queixería artesanal e ecolóxica de Silleda. A segunda xeración dunha familia de queixeiros busca innovar cun produto que ademais de saboroso conta cun orixinal packaging que xa vos avanzamos no artigo acerca da tenda online Gula Galega.

A presentación é unha parte importante na comercialización destes queixos, comezando polo nome e o concepto do produto. Cortes de Muar xoga cos múltiples significados da palabra corte, que designa tanto o lugar cuberto e pechado onde se garda o gando como a residencia do rei e a súa familia. De aí que os seus responsables coroaran ás raíñas do lugar para vender desde o envoltorio os seus queixos.

Así, unha elegante vaca de cartón deixa entrever baixo as súas longas saias reais un queixo do país. Segundo explican os seus responsables na web da marca, o obxectivo é homenaxear ás verdadeiras protagonistas do produto a través dun envase “orixinal e divertido” que ademais pode reciclarse facilmente.

O nome e a presentación tamén xogan co son que emiten as vacas, o muar. Por iso, a letra ‘m’ o impregna todo, igual que o muar das vacas percorre os campos galegos. No dorso da etiqueta, que aproveitan para contar ao consumidor a historia e valores da marca, reproducen o que as vacas raíñas din sobre os seus queixos:

“Este queixo é un Manxar, elaborado a Man,
con moito Meiro, de gosto Maino e arrecendo a Manteiga, feito con leite Muxido de
vacas galegas, que combina ben con Marmelo e Mel, sobre pan Morno, de brando
Miolo, provocando Morriña nos que o proban… algo mmmmMagnífico”.

Fotos | Cortes de Muar

* Esta información forma parte do especial Cool Packaging, unha selección das embalaxes que máis nos gustan.Podes ver máis aquí.

Shares

4 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *