[Disquefesta] Razón 1: Boa música

Se sodes lectores fieis de Disquecool, que sabemos que si, seguro que sabedes que somos xente moi musical. Na nosa Disquefesta non podía faltar a música! Chegará de dúas maneiras, en forma de concertos e en forma de sesións de DJs. Dous e dous, máis o do ukelele, para o que xa vos daremos máis detalles esta semana. Hoxe toca falar dos grupos e dos DJs que amenizarán a xornada.

Os concertos

– Os amigos dos músicos (18:30 horas)
Se aínda non os coñeces, pensa na alegría hipster de poder proclamar que son o teu novo grupo favorito a xente que non ten nin idea de quen son. E é que ademais poderían ser de verdade o teu grupo favorito: mestura de pop e folk, cancións bonitas e ukelele. Que máis pedir? Á nosa Disquefesta virán en formato reducido (dúas guitarras/voces e dous teclados), pero igualmente cool. Podes abrir boca con este vídeo gravado a semana pasada en TerraZeando. Podes aprenderte as súas cancións no seu Bandcamp.

– Santos Morcegos (21:30)
A biografía do MySpace (vintage!) de Santos Morcegos deixa bastante claro o orixinal da súa proposta: unha mestura de clásicos coma O Lago dos Cisnes, Para Elisa ou a Marcha Fúnebre co Antonio Banderas de Desperado, unha infancia chapoteando en praias pouco limpas cunha boa dose de reverb. O grupo de A Guarda garantiza facernos bailar. Ademais do MySpace, os Santos Morcegos teñen tamén Bandcamp.

Os DJs

– Dr. Chou
En Disquecool non deixaríamos nas mans de calquera a responsabilidade de escoller un disco cada semana, polo que é normal que para a Disquefesta quixésemos contar tamén coa selección musical do noso colaborador rescatado das cinzas de Rey Sombra, Dr. Chou. Iniciouse no Vado Permanente en O Grove, e continuou (e continúa) por Compostela, Vigo, A Coruña…

– DJ Chema
Primeira colaboración oficial de Chema con Disquecool, aínda que de forma non oficial xa leva moito tempo colaborando como proveedor de ideas cunha cervexa na man (ideas como o cursor do photocall do Culturgal, co que DJ Chema posa nesta foto). Na actualidade é, entre outras cousas, dj da zona 3 do Orballo, tamén en O Grove.

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *