O disco da semana: Sun, de Cat Power

Continuamos con outra semana cunha manchea de estreas musicais de alto peso, no que non deixará de ser unha constante ata que finalice este 2012. Hoxe ocuparémonos no novo disco de Charlyn Marie Marshall, a.k.a Cat Power, pero ben poderiamos falar de ‘Centipede Hz’, o novo longa duración dos estadounidenses Animal Collective, tralo pelotazo mundial daquel ‘Merriweather Post Pavillion’, ou mesmo de ‘The North’, o xa sexto disco dos canadenses Stars, unha das bandas pop máis grandes do planeta. Calquera desas opcións tería sido correcta, e recomendamos ambas escoitas, mesmo atrevéndonos a ver en ‘Centipede Hz’ algunha virtude non amosada previamente por Animal Collective.

Pero ao conto. Cat Power tomouno con calma. Probablemente precisa, tralo máis que irregular disco de versións ‘Jukebox’, de hai xa case cinco anos, que dera un paso atrás con respecto aos anteriores ‘The Greatest’ e, sobre todo, o marabilloso ‘You Are Free’. Pensou, respirou profundo, cortou o pelo amosando unha imaxe menos dócil, e lanzou ‘Sun’ (Matador Records, 2012) ao mercado. O troco de estilo, podemos dicir, non é só na aparencia física. ‘Sun’ é un disco arriscado dentro da carreira de Cat Power, cheo dunhas bases electrónicas que pasaron de testemuñais a absolutas protagonistas. ‘Sun’ ten de todo, dende baladas a ritmos hip-hop, pero, sobre todo, unha cadencia pop que pide amor en todo momento.

O póker de ases que abre o disco non ten perda. A misteriosa e grave voz utilizada en Cherokee dános a entender que aquí as cousas non van estar cheas de terrón de azucre, Sun asegura que o da electrónica é algo máis que un coqueteo inocente, Ruin é ese tema que poderás escoitar no bar de copas favorito, o que todo disco precisa, e 3,6,9 engancha á primeira escoita, coa música negra terriblemente presente en todo momento. Como se adoita dicir cando un se atopa con xoias así, case dá igual o que veña despois, o disco xa pagou a pena.

Ergue un chisco o pé coa chegada desa parte media do disco, único motivo polo que o disco non merece mellor nota aínda, xa que o terzo final, dende Human Being ou unha Manhattan que lembra de quen (entre outros) puido aprender tanto Florence Welch, volve retomar un nivel moi, moi alto. O cumio dese momento, e quizais do disco enteiro, é esa brutal Nothing But Time que serve para darlle paso a Peace and Love, que pon o epílogo dun disco que nos serve para moito. En primeiro lugar, para saber que Cat Power segue viva. En segundo, para ver que volve nunha forma fantástica. E, en terceiro, para desfrutalo, do tirón, a grolos ou en pequenos sorbos. Calquera xeito é perfecto.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *