Pop Voyage! Despedindo o verán cun festival nun barco

Nós queremos ser sempre fieis á convicción de que non pode haber nada mellor que un festival nunha illa, xa sexa na Ría de Vigo ou no Danubio, pero unha nova idea empeza a petar con forza nos nosos maxíns: un festival a bordo dun barco que percorre a Ría de Arousa. E, por se fose pouco, o nome do festival é Pop Voyage! Non penso volver a desexarlle unha boa viaxe a ninguén sen utilizar esa expresión.

Pero, de quen foi a fantástica idea de levar un festival a un barco? Os responsables son un dos grupos que tocará, os pontevedreses e semifinalistas do Proyecto Demo de Radio 3 Músculo!, que pensaron que era “una boa maneira de promocionar grupos desde un prisma distinto á hora de promover concertos”. Ao principio era só para eles, pero despois decidiron chamar aos seus compañeiros de semifinal Trajano!, a Alex Casanova, a Nano Vinilo DJ e a She’s in parties DJ Set. E festival montado.

Outra das características que é necesario salientar do Pop Voyage!, e que se cadra vai a ser cada vez máis común en festivais pequenos, é a ausencia de patrocinadores. Por que? “A situación actual fai que non quixéramos ter que depender de ningún estamento, sobre todo político”, explícannos desde a organización. “A verdade é que son todo ventaxas menos os cartos, e claro, hai que facer encaixe de bolillos para poder organizar un evento así”.

E é que, se ben entre os organizadores do festival hai xente con experiencia neste tipo de eventos “para non dar paus de cego”, o feito de facelo nun barco crea a dificultade extra de que “todo é reducido e non tes moita marxe de maniobra”. Despois está o de dicirlle aos artistas que o festival é algo especial, con detalles que non sempre se pillan á primeira. “Trajano! aceptaron a oferta pensando que o barco non se movía do porto”, cóntannos. Iso si, cando “se enteraron de que ían navegar por Cortegada, Rianxo, Boiro” entráronlles “máis ganas”.

Os imprevistos cos que se pode atopar o Pop Voyage! están tamén cubertos: se ese día, o 7 de setembro, vai mal tempo ou a mar está pouco navegable, o plan aplazarase ao seguinte venres, devolvendo a quen non poida ir o importe da entrada. Ata os posibles mareos entre os asistentes están previstos! “No barco haberá un bo feixe de Biodramina, supoño que así evitaremos unha vomitada colectiva”.

Pouco queda que dicir. Pop Voyage!

* O Pop Voyage! partirá o 7 de setembro ás 22 horas do Porto Deportivo de Vilagarcía de Arousa. As entradas custan 15 euros e xa están á venta, dádevos présa que só hai 150 prazas! Máis información no Facebook de Pop Voyage!

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *