Rinoceronte Editora naceu xa hai uns anos para revalorizar o traballo dos tradutores galegos. Grazas ao labor desta editora, en galego pódense ler a Arto Paasilinna, con varias obras; a Julian Barnes, con ‘Arthur e George’ ou a Alessandro Baricco e a súa odiada ou amada – segundo as pulsións de cada quen – ‘Seda’. E iso só entre os autores contemporáneos.
A mesma filosofía de Rinoceronte Editora (traducións feitas con mimo, edicións coidadas, títulos representativos) aplícase a Pulp Books, a nova casa editorial que acaba de nacer ao calor da Rinoceronte pero que, en lugar de verter ao galego aqueles títulos máis interesantes das literaturas contemporáneas, leva ao castelán á nova novela galega. “Literatura nórdica dende os confíns da A6”, segundo o súa descrición de perfil en Twitter.
Trátase, segundo apuntaba Txiki Calvo, de Pulp Books, na Festa das Letras Galegas que se celebraba este fin de semana na Tabacalera de Madrid, de “dignificar aos escritores que crean en galego e que como dicía Lois Pereiro quedan a un lado do talón de grelos”. “O problema do telón de grelos é o de como dar coa chave para abrir o mercado de sitios como Madrid, máis alá de emigrados”, explícanos Txiki Calvo despois, nunha interesante e distendida charla sobre literatura galega.
Pulp Books acaba con todos os prexuízos que se podan ter fóra de Galicia sobre a literatura feita en Galicia. Nada de poesía intimista e bucólica à la Rosalía de Castro. Nada de corredoiras e campos. Nada de meigas e trasgos. A nova editora saca ao mellor da novela máis moderna galega: moderna polo tempo no que foi escrita pero tamén pola clase de aposta. E lánzase cun “deseño rachador, un nome en inglés, xogos de palabras, o polbo como único referente ao galego” o que a fai definitivamente distinta.
A aventura comeza con ‘Querida catástrofe’, de Teresa Moure, e con ‘Dime algo sucio’, de Diego Ameixeiras. O escritor ourensán, que participou na presentación da editora en Madrid, tivo palabras moi eloxiosas coa versión en castelán da súa obra, sinalando que era “unha edición que mellora o traballo orixinal”. Trátase, explícannos dende Pulp Books, de “darlle á xente de fóra de Galicia a posibilidade de descubrir que hai máis escritores que Manuel Rivas” xa que, aínda que ninguén discute o éxito de Rivas, hai máis autores hoxe na literatura galega “cunha calidade máis que destacable”.
Ademais de primar a calidade na selección de títulos, tamén se coida (a pegada da filosofía Rinoceronte) a presentación: “o que fagamos fagámolo ben”. Os vigueses Bunker Graphics firman un deseño para as cubertas que quere chamar a atención dos potenciais lectores. Os tradutores aplícanse con mimo e o traballo culminase cunha labor de edición que quere ser o máis coidada posible.
Os dous libros que Pulp Books xa lanzou ao mercado (arrancaron o pasado abril) xa están a venta en toda España. Unha distribuidora encárgase dende Madrid de repartilos por todo o país.
O talón de grelos é agora un pouco máis permeable.
*Podes atopar máis sobre Pulp Books na súa web e no seu perfil en Twitter
1 comentario