Especial dende Madrid
Cando tiña dezasete anos, Lois Pereiro veu a Madrid a estudiar Ciencias Políticas e Socioloxía, aínda que despois cambiou na mesma capital aos idiomas. En Madrid pasáronlle algúns dos feitos máis transcendentais da súa vida. Por iso que, agora que se acaba de celebrar o Día das Letras Galegas na súa honra, Madrid conte cun acto de homenaxe ao poeta de Monforte non é nada sorprendente.
Queimada, concertos, comida típica, música e literatura foron os ingredientes dunha xornada que contou coa presencia do irmán de Lois Pereiro coma convidado de excepción. A cita foi na Tabacalera, o centro social auto-xestionado que fora no pasado unha fabrica de tabaco, e os responsables, unha organización moi loisiana. “Galicia Madrid é unha iniciativa social para a coñecer a cultura galega en Madrid”, explícanos Silvia Bardelás, escritora e unha das fundadoras da iniciativa. Coma explica Bardelás, na capital botábase en falta un espazo no que se puidese abordar a cultura galega, no que presentar un libro ou falar da nova música made in Galicia.
Se de algo peca Madrid na relación con Galicia é que a cultura do tipismo venceu, e con moito, a do tempo real. As feiras galegas en Madrid tiran polo polbo, a música medio folk para poñer ambiente e as rapaciñas vestidas co traxe típico que desfilan, gaiteiro ás costas, pola Praza de Jacinto Benavente no día da querida e estrañada patria lonxana. Bardelás dinos que para ela nin iso notara en Madrid e sinala un abanico de actividades moi alonxadas do que pode ser típico ou esperable: a idea é traer á capital cómic galego ou grafiteros, por poñer dous exemplos.
Detrás só están Bardelás e outra co-fundadora: nada de axudas institucionais, que tampouco son agardadas. “As iniciativas sociais están a empezar agora”, dinos, suliñanado o momento xusto do tempo no que se está a celebrar a xornada. E recuperando o manifesto de Lois Pereiro apunta que ten que chegar o momento no que a xente “se poña a facer cousas” no canto de agardar a que os poderes públicos a fagan por eles.
A actualidade de Lois Pereiro é bastante indiscutible, tanto que o poeta é o protagonista – un máis- dos carteis que estes días están a encher a Porta do Sol.
E mentres en Sol desafiaban a prohibición da Xunta Electoral (a xornada na súa honra celebrouse o sábado), non moi lonxe do quilómetro cero cantábase en honor de Pereiro. Pechouse o evento cun concerto, aínda que tamén cantou a primeira hora Jane Joyd, nun concerto intimista tanto polo espazo – unha pequena saliña ao carón da cafetería – como pola posta en escena – ela soliña coa súa guitarra no escenario – e lixeiramente familiar. A protagonista indiscutible do concerto foi a nena que se situou cal fan ao pé do escenario.
Tamén se comeu e bebeu (todo típico de Galicia, queimada incluída) e falouse de literatura. Da que fixo Lois Pereiro, con documental nos cinematográficamente sinistros sotos da Tabacalera, e da que fan os novos autores galegos. O día de Lois Pereiro en Madrid serviu para presentar a Pulp Books, a moderna editora que quere exportar aos novos autores galegos e presentalos ao pouco explorado mercado en castelán (falaremos máis en profundidade de Pulp Books estes días).
Fotos | Festa das Letras Galegas Madrid