Que caia nas túas mans un libro como ‘Aventuras de Cacauequi (edición anotada)‘ pode ser o evento máis afortunado do día, ou incluso da semana. Un evento que de tan afortunado só sabes explicar entregándolle o cómic a quen pregunte e murmurando un pequeno “le e entenderás”. Unha (estraña) historia de amor entre Cacauequi e Casuarina, nun universo fantástico. As anotacións explican ese universo que xurdiu co descubrimento de que no século XVIII os gatos falaban e vestían como as persoas. Quen podería ter imaxinado, escrito e debuxado algo así? O seu nome é Jacobo Fernández Serrano e isto o que respondeu ás nosas preguntas.
Como naceu a túa afección polo debuxo e polo cómic? Cando comezaches a debuxar?
Son o pequeno de catro irmáns, tres rapaces e unha rapaza, e todos debuxaban, sobre todo o maior que, coma min, tamén se adica a isto. Ademais os meus pais son moi afeccionados á lectura e teñen moitísimos libros. E daquela (anos setenta do século pasado) nas casas había moitísimas enciclopedias, de todo os temas que houbera, e cheas de imaxes para ver. Entre elas as miñas preferidas: as de historia e as de arte, cheas de cadros, de pirámides, de estatuas, de gravados, de miniaturas medievais, de locomotoras, de batallas, etc
Non es un simple ilustrador, senón que tamén creas as túas historias, tanto en forma de conto como en forma de cómic. Sempre tiveches claro que podías adicarte ás dúas cousas (debuxo e “guión”) ou foi unha evolución?
Tiña claro que quería intentalo. Eu o que quería era contar as historias que me inventaba. De tanto ler apetéceche escribir, de tanto ler cómics queres facer un, de tanto ver debuxos e cadros queres debuxar; e como para facer todas esas cousas non é preciso máis que papel e lapis, pois non había máis que poñerse mans á obra.
‘As aventuras de Cacauequi (edición anotada)’ chama a atención polo grao case extremo que acada a túa imaxinación. De onde naceu a idea para a historia de Cacauequi? Tivo desde o principio esas dúas partes (a historia de Cacauequi e as anotacións)?
Cacauequi presentouse no meu caderno de ideas. Estaba claro que el non era un heroe de acción. Ao pouco chegou Casuarina, cos ollos escondidos baixo o pelo. Ambos querían contar a súa estraña historia de amor. Non tiñan intención de dar moitos detalles. Non lles importaba demasiado que a xente entendera o seu. O que querían era moverse polo cómic sen dar moitas explicacións. Eu estaba de acordo. Nunca quixen mesturar as partes. A elección estaba entre presentar unicamente a primeira parte, ou facerlle as notas. Quería manter esta cousa algo abstracta e limpa da primeira parte, mais tamén quería que o lector coñecese o mundo no que se movían estes personaxes. Por iso pensei que esas explicacións a posteriori eran a fórmula axeitada de combinar ambas cousas.
Pensas que toda a historia do pensamento podería estar mal? Como naceu esa tese e todo o universo creado desde aí?
Gústame moito esa posibilidade. A posibilidade de que caia toda a armazón do coñecemento. Gústame cando a xente se equivoca. Cando descobres que un debuxo esta mal o mellor e borralo e empezar de novo. A historia da ciencia consiste en parte en refutar as leis formuladas anteriormente. Non creo que ese mecanismo se detivese, e estou seguro que en poucos anos as cousas que pensábamos máis incuestionables tamén resultarán falsas. Ocorre cada día. E tamén penso que no século XVIII os gatos falaban e vestían como as persoas.
Ademais de ter escrito contos para nenos, tamén tes percorrido moitos colexios e entrado en contacto con eles. Que sacas desa experiencia? Axuda a visión dos nenos a conformar os teus universos?
Para min é unha experiencia marabillosa. Non é que tome nota, ou saque conclusións directas sobre gustos ou preferencias que logo aplique á hora de escribir.
A importancia destes encontros radica en que se pecha o circuíto enerxético, e eu podo constatar como esas ideas cativas que apareceron na miña cabeza e foron collendo forma, chegan ás súas e estoupan en mil direccións insospeitadas. E tamén decátome de que todo esforzo é pouco, de que os meus lectores son xenerosos e esixentes, de que debuxan aos meus personaxes moito mellor ca min, de que son quen de se deter e de gozar os matices máis sutís, e de que teño moita sorte por ter chegado ata eles.
En que estás traballando agora? Xa ten data de publicación o Libro II de ‘Mil cousas poden pasar’?
Agora mesmo acabo de rematar unha novela gráfica titulada ‘Lois Pereiro. Breve encontro’, na que ao longo de 160 páxinas de banda deseñada fago un achegamento á vida e á obra do poeta. Está a piques de saír en edicións Xerais coeditado coa Xunta. En canto a ‘Mil Cousas libro 2’, a súa saída está prevista para o mes de outubro. Nestes mesmos días estou facendo as ilustracións así que teño ao meu carón a Hedión, Lina, o cocho Isaías, Pouco, o gato Kandás, Propicio e toda a tropa.
* ‘Aventuras de Cacauequi (edición anotada)’ está editado por El Patito Editorial, tanto en galego como en castelán. ‘Lois Pereiro. Breve encontro’, a novela gráfica sobre Pereiro, será editado o próximo mes de xuño en Xerais, pero xa se pode ver un adianto de 24 páxinas aquí (PDF). Se queres saber máis sobre Lois Pereiro, podes ver o noso especial do Día das Letras Galegas 2011.
3 comentarios