Todos temos escoitado (e incluso dito, para que negalo) as palabras máxicas: a música que se fai en Galicia non mola, non é cool, non é nova. A música que se fai en Galicia tira sempre do que xa se está a facer en Madrid ou Barcelona ou Londres ou Brooklyn. Entón alguén fala da movida viguesa e de como non era máis ca unha copia da madrileña. E outro deixa as cousas ben claras: os galegos só sabemos facer folk e música celta. Vaia coñazo.
Pero no fondo (e afortunadamente) tamén hai moita xente que sabe que a situación real é moi distinta. Un deles é Fernando F. Rego, apaixonado da música que adicou varios meses en corpo e alma a dar forma a unha pequena marabilla en forma de libro cun nome tan ambicioso como a tarefa que se propuxo o autor: ’50 anos de pop, rock e malditismo na música galega’.
Que podemos atopar entre as súas case 400 páxinas? Ademais dunha exhaustiva (pero non completa, algo que tería sido imposible) guía sobre os artistas e grupos galegos que deron forma á escena galega durante a última metade de século, desde Andrés do Barro ata Novedades Carminha, pasando por Herdeiros da Crus ou Deluxe; o libro inclúe tamén un final de varios capítulos adicados á Movida de Vigo e pequenos textos nos que expertos (e integrantes) na materia recollen as súas reflexións (e os seus discos preferidos) sobre “a música galega”.
Outro dos grandes atractivos do libro é que inclúe dous discos con exemplos de todo iso do que se está a falar (porque si, escribir e ler sobre música está moi ben, pero o mellor é sempre escoitala), nos que se agradece que se concentren nos últimos anos: agás un par de cancións, non hai nada de antes de 2005. E non é que antes non houbese nada, que xa sabemos que si, senón que o que importa é saber que agora mesmo tamén o hai. E moito.
’50 anos de pop, rock e malditismo na música galega’ é unha fantástica guía de referencia que cómpre ter sempre ao noso carón para cando escoitemos falar dalgún grupo pescudar algo máis del, ou para ler e descubrir todo iso que aínda descoñecemos. Algo que na era de Internet parecería superfluo tórnase nun imprescindible na librería de calquera amante da música. Porque de cando en vez está ben ter as ideas ordenadas e xuntas nun destes enxeños de papel chamados “libros”.
* ’50 anos de pop, rock e malditismo na música galega’ está editado pola Editorial Toxosoutos, e pode ser comprado online a través da súa web ou de Toupa.net. E tamén en librerías físicas, claro.